A Asociación pola Sanidade Pública acusa a Feixoo de intentar sacar réditos partidistas da pandemia

Imaxe de arquivo dunha concentración convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública. (Foto: Europa Press)
O colectivo afea que o presidente da Xunta estea a actuar como "voceiro mediático da pandemia" e demanda que tome medidas drásticas nas residencias, pois acumulan case a metade dos pasamentos desde que se coñeceu o coronavirus.

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública vén de atacar a estratexia da Xunta para tratar os datos relativos a afección do coronavirus e o funcionamento das residencias na Galiza. O colectivo critica que o presidente de Xunta, Alberto Núñez Feixoo, tomara o papel de “voceiro mediático da pandemia”, pois entende que con iso quere “sacar rendibilidade partidista”.

Ao parecer desta entidade, co “parte diario” pode tirar partido “das especiais condicións xeográficas, poboacionais e sociais” do país, que “protexeron relativamente” dun contaxio máis masivo pola Covid-19.

Un dos reproches que fai a asociación é que “o presidente, imbuído dunha sorte de autoridade científico-sanitaria, dá continuos consellos e propostas as autoridades ministeriais sobre decisións epidemiolóxicas relacionadas coa pandemia”.

Neste sentido, critican que pola contra non estea a informar de quen forma parte do comité clínico que asesora ao Goberno galego e en que se fundamentan as decisións que se foron tomando até o de agora.

Esta organización tampouco entende as medidas restritivas que afectan especialmente as zonas fechadas perimetralmente e aos negocios alí instalados porque Feixoo “segue sen adoptar medidas contundentes sobre as residencias de maiores onde se concentra o 50% das mortes pola infección”.

Refírense, neste caso, tanto a aquelas vinculadas aos xeriátricos que teñen lugar nos hospitais como ás que decorren nas propias instalacións. Ao seu entenden, non hai decisións drásticas “para non danar o seu negocio”.

Case a metade

Nun comunicado, insta a actuar xa porque cando se chegou á cifra de 1.060 vítimas, 470 eran usuarias e usuarios dos centros residenciais de maiores”. Ao fío da evolución da segunda onda da pandemia en lugares como varios espazos xestionados por DomusVi e San Rosendo ou problemas en vilas como Ribadumia e Mos, lamentan que non se esté intervindo a maioría dos centros como podería facerse.

“Consideramos escandaloso que, mentres que o PP e o señor Feixoo, culpan dos contaxios ás familias e ao persoal das residencia, o mesmo Partido Popular defenda ás empresas que as xestionan, algo que rexeitamos de plano, como está sucedendo, na Comisión Parlamentaria creada para analizar as causas e consecuencias da pandemia”, subliña a agrupación.