Repunta a cifra de vítimas do coronavirus até chegar a 10

Dous traballadores sanitarios nunha residencia de maiores da Galiza. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Catro persoas eran usuarias de residencias de maiores. Dáse a particularidade que son dos centros que máis casos teñen e, en xeral, levan varias xornadas con falecementos de infectadas polo virus.

A xornada de onte, cunha baixada do número de vítimas, foi só unha excepción pois a curva de pasamentos derivados do coronavirus volveu ir en ascenso ao longo do día de hoxe. Fontes da Consellaría de Sanidade informaron a última hora desta sexta feira de que houbo dez mortes, situando o número global nas 1.056.

As autoridades sanitarias aseguraron que, como viña sendo habitual até o de agora, todos os decesos foron de pacientes cuxa saúde viuse complicada por padecer patoloxías previas á infección da Covid-19.

Do total de vítimas, catro eran usuarias de residencias. En concreto, no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (Chus) faleceu unha muller de 87 anos que fora trasladada desde o centro de maiores Santa Olalla de Boqueixón.

Así mesmo, no hospital do Salnés notificouse o óbito dunha doente de 81 anos que era usuaria da DomusVi de Ribadumia. Xa no centro hospitalario de Vigo, o equipo sanitario non puido facer nada por salvar a un home de 83 anos que vivía na instalación de Salvaterra de Miño, arredor da que está a xurdir unha gran polémica adiantada por Nós Diario. Neste caso, moitas persoas aluden ás malas condicións de vida da infraestrutura.

Nas instalacións de Nosa Señora dos Miragres de Barbadás finou outra muller de 92 anos.

A maiores, o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) contabilizou outras catro mortes de tres varó0ns de 56, 77 e 88 anos de idade e dunha muller de 84.

Por último, a Xunta informou dun pasamento dunha enferma de 85 anos que era atendida no hospital comarcal de Monforte de Lemos e outra de 83 que estaba ingresada no hospital de Ferrol.