Unha reprodución do incendio de Pantón obriga a cortar a liña de tren entre Ourense e Monforte
Unha "posíbel reprodución" do incendio que afectou o mes pasado Pantón (Terra de Lemos) tivo lugar esta quinta feira, o que obrigou a cortar a liña de tren entre Ourense e Monforte (Terra de Lemos) para as tarefas de extinción.
O fogo, que se atopa activo, comezou ás 13.18 horas desta quinta feira. Segundo informa a Consellaría do Medio Rural, calcina menos dunha hectárea, aínda que se iniciou nunha ladeira de difícil acceso. Traballan nas tarefas de extinción un helicóptero, unha motobomba, dúas brigadas e un axente.
O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) informou de que, debido a que o incendio está "próximo ás vías", a circulación entre Lugo e Ourense interrompeuse para un corte da tensión en catenaria, a pedimento de bombeiros.
Así, Renfe programou un plan de transporte por estrada para prestar servizo aos viaxeiros e ás viaxeiras de media e longa distancia afectadas polo incendio. O grande incendio forestal de Pantón, declarado o 18 de setembro, quedou extinguido o 29 de setembro tras calcinar máis de 2.000 hectáreas.
