A relaxación "clara" en espazos fechados alenta a pandemia

Terrazas na Coruña. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
A evolución da Covid na Galiza marca desde primeiros de novembro un crecemento comedido pero continuado que mantén alerta as autoridades sanitarias e a comunidade experta.

A vacinación masiva da poboación mudou o perfil máis agresivo da pandemia. A enfermidade grave e a letalidade causada polo coronavirus caeron de vez. O ritmo de contaxio da Covid comezou a ceder e a mellora xeneralizada da situación epidemiolóxica levou a decretar o fin da emerxencia sanitaria.

Desde entón, cada sexta feira o subcomité clínico reúnese para avaliar os datos de saúde pública e adoptar as decisións adecuadas. "Neste momento non estamos nunha mala situación, cunha incidencia acumulada a 14 días por baixo dos 50 casos",  asegura a Nós Diario Sergio Vázquez, xefe de Oncoloxía do HULA e un dos expertos que asesora a Xunta na pandemia.

"Si é certo que está a aumentar a unha velocidade importante, pero, de momento, non supón unha aceleración grave da hospitalización convencional nin de doentes críticos. E isto é  fundamental", conclúe.

A vacinación está na raíz do alivio asistencial. Con máis de 90% da poboación protexida, Sergio Vázquez pon o foco no grupo de entre 30 e 39 anos, "cunha cobertura inferior a 80%".

Relaxación en interiores

Sanidade estima en 6% a poboación pendente de levar unha vacina que ten á súa disposición e pode reclamar xa. Representa 30% dos contaxios, advirte, por iso a anima a vencer calquera reticencia de cara a previr unha doenza difícil que pode requirir ingreso hospitalario. Neste sentido, Vázquez lembra que aínda que a vacina contribúe a diminuír a taxa de contaxios, "o virus segue a transmitirse". Máis cando hai poboación desprotexida e unha "relaxación clara" das  medidas de prevención "sobre todo en interiores". 

O experto sinala un exceso de confianza ante unha normalidade que non é definitiva, por iso chama a respectar o uso de máscara e distancia en espazos fechados. Tamén na hostalaría, onde xa se observa un incremento notábel de casos.

"Os primeiros gromos apareceron en reunións familiares, pero están subindo moito en bares e ocio nocturno, onde nin a ventilación nin os medidores de CO2 nin a exixencia do pasaporte Covid están estendidos". De feito, as medidas inmediatas que contempla o comité asesor da Xunta xira arredor deste documento. Segundo confirma Sergio Vázquez, na súa próxima xuntanza analizarán a conveniencia de estender o uso deste certificado a novos escenarios, sen descartar, tampouco, "medidas cirúrxicas" en caso de determinados surtos.

Desde o ámbito sanitario, o especialista en Medicina Interna Nacho Ramil advirte dun "crecemento controlado" que parte de "números moi baixos"  e cun incremento por caso "contido" grazas á vacinación.

Con todo, chama a ser realista. "Galiza e o resto do Estado crecen desde hai dúas semanas e é de esperar que esta suba se manteña até o Nadal. Esa será a nova base sobre a que sumar o efecto das celebracións". Malia descoñecer o impacto asistencial deste aumento, asegura que doentes crónicos e maiores serán os que xeren unha maior porcentaxe de ingresos. "Hai que aceptar vivir con restricións puntuais para modular a ocupación derivada da Covid, non a incidencia da enfermidade", sentencia.