A hostalaría, “moi preocupada” ante posíbeis restricións pola repunta de casos de Covid

"O virus non marchou. E aquí polo mal comportamento e pola falta de sentido común dalgúns ímolo pasar mal", indican desde a  Federación Galega de Hostelaría.
O TSXG invalidou a exixencia do certificado Covid na hostalaría porque o Goberno galego non o solicitara. (Foto: Úrsula Prego)
photo_camera Presentación do certificado Covid na hostalaría nunha imaxe de arquivo (Foto: Úrsula Prego).

O presidente da Federación Galega de Hostelaría,  Cheché Real, manifestou a preocupación que existe no sector perante a posibilidade de que regresen as restricións pola repunta de casos Covid que se dá na Galiza durante os últimos días.

Esta segunda feria, o tamén presidente dos hostaleiros lugueses afirmou que practicamente estaba pechado coa Xunta permitir a "apertura ao 100% das licenzas" na primeira semana de decembro, aínda que agora teñen "dúbidas" sobre iso.

"Noticias como estas, dunha repunta de casos, é unha volta atrás que se produce polos malos comportamentos, por moi malos comportamentos e pola insolidariedade dalgúns e que vai repercutir en todo o tecido empresarial da hostalaría e do turismo de Galiza", advertiu. O empresario sostén que "isto é imperdoábel" dado que, ao seu xuízo, "non se pode tratar unha pandemia deste calado na forma en que se está tratando e hai que seguir mantendo as distancias de seguridade e o uso da máscara".

"O virus non marchou. E aquí polo mal comportamento e pola falta de sentido común dalgúns ímolo pasar mal", aseverou Real, que advirte da "repercusión económica, tanto nas empresas como nos traballadores" se hai "unha marcha atrás".

"Xa se dá por perdido o dos últimos dous anos e cando iamos retomando outra vez ese dinamismo, ese costume de volver saír, vémonos nesta. O virus non se foi, nin se vai a ir", abundou, á vez que insiste na necesidade de manter as distancias de "seguridade" e no uso da máscara.

Galiza encadea dúas semanas de ascenso de casos activos de Covid-19, que atinxen os 1.285, que supoñen 540 máis que hai unha semana, tras rexistrar outros 136 novos contaxios, que non baixan do cento diario desde o 10 de novembro. Os pacientes hospitalizados por este coronavirus soben até o 53 -sete máis que a xornada pasada-, mentres que a taxa de positividade descende a un 3,9%.

O conselleiro de Sanidade insistiu esta fin de semana na súa aposta por estender o emprego do certificado Covid, porque "parte importante dos casos activos responden a persoas non vacinadas" nunha "proporción maior que os vacinados". Así, deu a cifra de que, a pesar de que só na contorna do 6% da poboación diana está sen vacinar, os non vacinados supoñen "o 25%" de todas as persoas que padecen a enfermidade.

Polo momento, a Xunta aposta por estender a esixencia do certificado covid ás visitas dos pacientes nos hospitalizados, para o que pedirá autorización ao Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) "nas próximas horas". A intención é que estea implantado "cara a finais de semana", afirmou García Comesaña.

Comentarios