Juan Carlos I prepara unha nova visita a Sanxenxo, a cuarta desde que fuxiu a Abu Dabi

O rei emérito, Juan Carlos I, a bordo do 'Bribón' en Sanxenxo o pasado 29 de xullo. (Foto: José Oliva)
O rei emérito segue a achaiar o terreo de cara ao seu retorno definitivo ao Estado español.

A última vez que o rei emérito visitou Sanxenxo (O Salnés), a finais do pasado mes de xullo, marchou asegurando estar "moi contento" cada vez que vén á Galiza e prometendo que voltaría "moitas veces". E no día no que tomou o avión de volta á capital dos Emiratos Árabes Unidos, Abu Dabi, avanzou que tiña pensado retornar ao país "cedo".

E agora, segundo adianta esta sexta feira Europa Press, o monarca, no seu intento cada vez máis evidente de normalizar as súas visitas e de facelas máis frecuentes co obxectivo final de preparar o seu regreso definitivo ao Estado español após marchar arrodeado de escándalos, está próximo a facer valer a súa palabra.

Será, previsibelmente, a finais de setembro. Entre a quinta feira 28 e o domingo 1 de outubro disputarase a VIII Regata Rei Juan Carlos I, unha proba na que, en principio, segundo as fontes consultadas pola axencia de noticias, participará o ex monarca a bordo do Bribón, que este mes se fixo coa Copa do Mundo da clase 6 metros na Illa de Wight, en Reino Unido.

En xullo a súa estadía na localidade do Salnés foi discreta e o rei emérito centrouse en adestrar e competir a bordo do Bribón. Con todo, non só el chegou a Pontevedra, senón que unha das súas fillas, a infanta Elena, acompañouno nas súas navegacións durante a fin de semana. Juan Carlos I abandonou Sanxenxo o 1 de agosto, tras navegar máis de dez horas e despois de alzarse co trofeo da regata XXIV Trofeo Hotel Carlos I Silgar.

A de finais deste mes será a cuarta visita á Galiza desde que abandonou o Estado español en agosto de 2020 rumbo a Emiratos Árabes Unidos (EAU). E será a terceira no que vai de ano, pois xa estivo en Sanxenxo en abril e en xullo.

Malia que non hai impedimentos legais para a súa volta ao Estado español, distintas enquisas en 2022 cifraron en dous terzos da poboación estatal o rexeitamento ao seu comportamento e ao feche das pescudas contra el.

Neste contexto, na súa primeira viaxe ao territorio estatal tras a súa fuxida, en maio de 2022 e perante unha importante exposición pública, o rei Felipe VI trasladou ao pai que futuras visitas terían que decorrer coa “maior privacidade posíbel”, remarcando que a súa residencia permanente sería Abu Dabi.