VÍDEO NO INTERIOR

O rei emérito abandona Galiza tras unha nova e controvertida visita

Antes de partir cara ao aeroporto, pola mañá, Juan Carlos I dirixiuse novamente ao porto con Pedro Campos para asistir ás regatas. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)
Juan Carlos I fará escala en Gasteiz antes de retornar a Abu Dabi após a súa segunda estadía en Sanxenxo desde que marchou en 2020. Máis unha vez, eludiu falar ante os medios.

A pasada cuarta feira Juan Carlos I aterrou no aeroporto vigués de Peinador. Comezaba así a súa segunda visita á Galiza após abandonar o Estado español en 2020 rumbo Abu Dabi (Emiratos Árabes Unidos), nun momento no que a súa figura estaba xa moi cuestionada após numerosas polémicas que sacudiron a Casa Real. Este domingo, contra as 17.15 horas, o rei emérito puxo fin a  unha estadía de cinco días en Sanxenxo (O Salnés) en compaña do seu amigo e empresario Pedro Campos, quen o trasladou ao aeródromo. Alí, pouco despois das 18h, tomou un avión privado en dirección Gasteiz (Euskadi), onde fará escala antes de retornar a Abu Dabi.

Un dos obxectivos principais desta nova visita, igual que o pasado ano, era participar na Copa do Rei de Vela a bordo do Bribón. Porén, a climatoloxía adversa impediu que subise ao veleiro. Sen Juan Carlos I, o Bribón liderou na primeira xornada das regatas, a deste pasado sábado.

Sentado no asento do copiloto no vehículo conducido por Campos, o monarca saudou en máis dunha ocasión á prensa cando topou con xornalistas nas inmediacións do Clube Náutico, mais non entraba nos seus plans facer declaracións. Tampouco na súa anterior viaxe a Sanxenxo, na que se limitou a unha breve e evasiva interacción cunha xornalista que preguntaba polo seu próximo encontro co seu fillo, Felipe VI:

—Vai dar algún tipo de explicacións?
—Explicacións de que?

A arribada na Galiza do rei emérito suscitou un intenso debate —plasmado nas páxinas de Nós Diario coa participación de Marta Gómez, secretaria xeral de Galiza Nova, e Adrián Pardo, de Novas Xeracións— sobre a conveniencia de que siga a facer con relativa frecuencia este tipo de visitas. El mesmo manifestara en marzo de 2022 a súa intención de facelo, aclarando, por outra parte, que fixaría a súa residencia "permanente e estábel" en Abu Dabi.

O monarca contou con valedores como o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín (PP), que avanzou que sería recibido "con agarimo". "O importante é que se relaxe, que descanse e que veña moitas veces", dixo. Tamén o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu que o emérito está "no seu dereito" de voltar á Galiza, así como o ex mandatario español, Mariano Raxoi, quen pediu "normalizar" estas visitas.

Desde o PSOE mantiveron un perfil baixo a respecto dunha viaxe que cualificaron de "privada", mentres outras forzas como o BNG ou Unidas Podemos cargaron con dureza contra o regreso do monarca. De feito, Galiza Nova —organización xuvenil do Bloque— e Esquerda Unida protagonizaron senllas mobilizacións en Sanxenxo contra a presenza de Juan Carlos I.

Esta nova visita, segundo apuntan diferentes medios, non foi casual. O rei emérito estaría a preparar o terreo para pasar longas tempadas no Salnés, mais mantendo o seu enderezo en Abu Dabi. Podería voltar proximamente, en maio e xuño deste mesmo ano, datas nas que se organizarán novas regatas en Sanxenxo nas que prevé participar o Bribón.