O alcalde de Sanxenxo, sobre o emérito: "Cando veña, o importante é que se relaxe"

A preguntas dos xornalistas, Martín asegurou que non ten notificación da Casa Real sobre a visita do rei emérito, que, en principio, visitaría Sanxenxo entre o 19 e o 23 de abril para participar nas regatas. "O rei vén como calquera cidadán e será recibido con agarimo", indicou.
O alcalde de Sanxenxo,Telmo Martín, e o rei emérito en 2019. (Foto: María Muíña / Sailingshots.es)
photo_camera O alcalde de Sanxenxo,Telmo Martín, e o rei emérito en 2019. (Foto: María Muíña / Sailingshots.es)

O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, afirmou esta terza feira que non ten notificación "oficial" algunha en relación á visita do rei emérito Juan Carlos I, cuxa chegada á localidade se espera a partir do próximo 19 de abril, pero deu por feito que realiza a viaxe "como un cidadán máis". "Vén gozar do que máis lle gusta, que é a vela", aseverou.

Así o manifestou, en declaracións aos medios, antes de participar nun almorzo no que o acompañou o presidente da Xunta e líder do PP na Galiza, Alfonso Rueda, quen tamén se reiterou en que celebra a visita do emérito.

A preguntas dos xornalistas, Martín asegurou que non ten notificación da Casa Real sobre a visita do rei emérito, que, en principio, visitaría Sanxenxo entre o 19 e o 23 de abril para participar nas regatas. "O rei vén como calquera cidadán e será recibido con agarimo", indicou.

"Estamos encantados"

A pesar de que coñece, dixo, a información, só polos medios de comunicación, reiterou que os veciños de Sanxenxo estarán "encantados" de recibir a Juan Carlos I. "Vostedes saben que cada vez que elixe vir, que afortunadamente son moitas veces aínda que menos das que esperabamos, nós estamos encantados", subliñou.

O rexedor destacou o carácter "acolledor" do pobo de Sanxenxo, onde se recibe "con agarimo" a "calquera cidadán español ou non español" que se desprace á localidade. Así, insistiu en que o rei "é un cidadán máis" que poderá gozar "dos encantos" das Rías Baixas.

Preguntado acerca da súa axenda e de se manterá algún encontro con el, Martín esgrimiu que o emérito chega a Sanxenxo "a gozar do que máis lle gusta, que é a vela".

Para poder facelo, espera que estea en boas condicións físicas. E sobre calquera reunión entre ambos, respondeu que está "a disposición", igual que "con calquera cidadán".

Sobre dispositivos de seguridade, tampouco deu ningunha pista, e remitiuse á Subdelegación do Goberno español. "Teño a mesma constancia que teñen vostedes", recalcou, ante a insistencia dos xornalistas na procura dunha confirmación oficial.

“O importante é que se relaxe [o emérito], que descanse e que veña moitas veces", sentenciou o rexedor.

Comentarios