Refuxiados acollidos en Monterroso denuncian cun feche o "trato racista" por parte dunha ONG
Os inmigrantes comezaron o feche esta segunda feira.
Un grupo de refuxiados procedentes de Malí, acollidos en Monterroso (A Ulloa) desde finais do verán de 2024, fecháronse no hotel onde permanecen aloxados desde a súa chegada ao municipio.
Os migrantes comezaron o feche esta segunda feira. Con todo, non se produciu ningún incidente. O motivo da protesta, afirman os refuxiados, é o trato “nada profesional” recibido por parte da ONG Rescate, que xestionou a chegada destas persoas a Monterroso. “Falta de información constante sobre a nosa demanda [de asilo], con profesionais nada cualificados e ademais cun trato racista por parte de dous ou tres profesionais” da ONG, denuncian, engadindo que levan “desde que se abriu o centro” sen recibir “ningún asesoramento xurídico”.
As persoas migrantes, que insisten en que o seu comportamento está a ser “non violento”, queren exixir con este feche a dimisión destas profesionais que os tratan “con racismo”, dispor dun avogado a xornada completa e que se contraten persoas “competentes no ámbito da inmigración”. Continuarán co feche “até que estes profesionais mencionados non dimitan dos seus postos”.
Denuncian, ademais, ameazas por parte da dirección da ONG “dicíndonos que se continuamos coas protestas, a entidade encargarase de falar co Ministerio para que a nosa solicitude de asilo sexa automaticamente rexeitada”.
Nós Diario púxose en contacto coa ONG Rescate mais non recibiu resposta.
O Goberno español asegura que vai "escoitar" as protestas
O delegado do Goberno español na Galiza, Pedro Branco, asegura que se van a "escoitar" as protestas realizadas polos migrantes para "darlles solucións a esas demandas que poidan ter".
A preguntas da prensa, o delegado indica que "hai máis de 100 persoas convivindo, por tanto, neste tipo de situacións poden darse certas friccións, sobre todo no caso de que hai persoas para as que se está tramitando o asilo, e nesas tramitacións de asilo hai algunhas que, efectivamente, non cumpren os requisitos legalmente estabelecidos".
Incide en que se lle denega o asilo a "aqueles que non cumpren", aínda que se vai "dar unha solución a todo o mundo".
Branco remarca que se trata dunha "situación de emerxencia humanitaria" na que Galiza acolle aos migrantes "cos brazos abertos". "Hai unha colaboración interinstitucional eu creo que admirábel, sobre todo se o comparamos con outras comunidades autónomas", agrega.
Aínda que "non para" a "presión dos inmigrantes que están a chegar a Canarias e de Canarias están a vir cara á península", opina que a Galiza vai "con absoluta tranquilidade". Considera que "aquí as cousas están a facerse medianamente ben".
Cuestionado nun acto en Ourense sobre as queixas dos migrantes cara ao trato da ONG Rescate, Pedro Branco lembra que é unha organización do terceiro sector que "practicamente está a xestionar todos os centros da Galiza". "Por tanto, non temos ningunha queixa especial respecto á ONG". “De todos os xeitos, imos ver exactamente que fricción ou que problema pode haber e seguro que chegaremos a unha solución”, conclúe.

