Reducir os impactos do lixo mariño, o obxectivo do novo proxecto no cal participa a USC

Aparellos de pesca no Porto (Foto: Santi Alvite).
O NETTAG+ é a continuación do NETTAG, iniciativa que se realizou entre os anos 2019 e 2021 e que tamén contou coa participación da USC.

Durante os próximos tres anos a Universidade de Santiago de Compostela (USC) desenvolverá o proxecto de investigación NETTAG+ nun equipo composto por 15 institucións de sete países europeos.

O obxectivo dese proxecto, coordinado polo Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental, con sede en Matosinhos (Portugal), é desenvolver novas solucións para reducir os residuos xerados polas artes de pesca e o seu impacto na vida e os hábitats mariños. 

O NETTAG+ é a continuación do NETTAG, iniciativa que se realizou entre os anos 2019 e 2021 e que tamén contou coa participación da USC.

Neses dous anos NETTAG xa desenvolvera novas tecnoloxías para reducir a perda de aparellos de pesca, facilitando a súa recuperación mediante sistemas de localización acústica, e promoveu a mellora de prácticas na xestión dos residuos a través de accións de sensibilización organizadas polas confrarías de pescadores.

Desta volta, é o profesor Sebastián Villasante quen coordinará as tarefas en colaboración cos investigadores do Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) Pablo Pita e Gillian Ainsworth.

Igualmente forma parte do proxecto, desde Galiza, a Cooperativa de Armadores do Porto de Vigo (ARVI).

Previr, evitar e mitigar

Previr, evitar e mitigar o impacto dos aparellos abandonados, perdidos ou desacartados sobre o mar son os tres obxectivos básicos que persegue NETTAG+.

Neste sentido está asociado á misión ‘Restaurar os nosos océanos e augas para 2030’ da Comisión Europea.