As redes lembran o 102 aniversario da I Asemblea Nacionalista

Un dos chíos destacados da acción a través das redes sociais. (Foto: Nós Diario)
No Twitter os cancelos #galizanación e #galizanaçom tiveron gran protagonismo a partir das 19.18 horas, en conmemoración do encontro das Irmandades da Fala de 1918 en Lugo. Daquela cita saíu o ideario da nación galega.

Lugo acolleu o 17 e 18 de novembro de 1918 un encontro das Irmandades da Fala da que saíu un manifesto coa formación pública da idea da Galiza como nación de seu. Foi a primeira asemblea nacionalista, que hoxe tivo a súa lembranza a través das redes sociais. Cando se cumpren 102 anos de ese evento de vital importancia para o país e a súa cultura, a plataforma Vía Galega comanda unha acción para conmemorar ese avance no nacionalismo.

A pesar de que non puideron decorrer grandes xuntanzas reivindicativas na rúa, agora que precisamente o emprego do galego nas aulas volve estar en debate, as redes coincidiron nun cancelo único “#galizanación”-

Moita xente tamén optou polo reintegrado “#galizanaçom”, mais o importante é que ducias de persoas secundaron a convocatoria de Vía Galega para amosar que aquel espírito de hai 102 anos en Lugo segue vivo.

“Para dicir alto e forte que somos unha nación con futuro, imos encher as redes sociais de mensaxes, imaxes e vídeos”, pediu a promotora e enseguida se xuntaron os chíos ao respecto da nación, do dereito a que as seleccións deportivas sexan oficiais ou que o galego teña o lugar que lle corresponde.

“Cumpre que os bons galegos meditem a prol da sua generosidade quando se sintam atraídos polas ideias de fusom espanhola, porque só nos utilizam”, deixaron nunha mensaxe. “En 1918 xuntouse en Lugo unha boa xente pra conquerire do Goberno da Sua Maxestade El Rei autonomia integral da Nazón Galega. Propostas e horizonte. Así se fai o camiño”, podíase ler noutra.

Referencias históricas

A xente defendeu que a “predecesora da ONU” (a Sociedade de Nacións) recoñeceu a nación galega “hai 86 anos” e “que queiram, que nom”, hai quen pensa seguir “luitando polos direitos e a soberanía”.

As e os galegos que estiveron detrás dos cancelos da tarde, advertiron que esta nación galega ten “futuro” e que bebe directamente das reivindicacións do galeguismo do pasado. “A nación é un feito, non unha idea, un ser real e non un ente problemático. Somos unha nación”, como chío reivindicativo.