Chaman a comemorar nas redes o 102 aniversario da I Asemblea Nacionalista

Militancia da Irmandade da Fala de Betanzos (Foto: Nós Diario)

Vía Galega chama a “encher as redes sociais” de frases, imaxes e vídeos baixo os HT  #galizanación #galizanaçom

O 17 e 18 de novembro de 1918 reúnense en Lugo 57 delegados en representación da afiliación das Irmandades da Fala. Os asistentes, procedentes de 16 localidades, contaban coa adhesión doutros 17 persoeiros, dalgún medio de comunicación galego e de varias sociedades agrarias, organizando os seus traballos en sesións públicas e privadas. 

O manifesto acordado en Lugo representa a formulación pública da idea de Galiza como nación. As conclusións da primeira asemblea nacionalista son a consecuencia lóxica da construción doutrinal iniciada pola primeira xeración provincialista a mediados do século XIX e continuada por Manuel Murguía, onde Galiza xa aparecía como unha realidade diferenciada no plano peninsular. Porén, agora, preséntase como un suxeito de dereitos políticos en loita para facelos efectivos.

Hoxe fanse 102 anos daquela data. Por iso, para comemoralo, a plataforma Vía Galega chama a encher as redes a partir das 19:18 (en refrencia ao ano da I Asemblea) con ideas, imaxes e vídeos. “Para dicir alto e forte que somos unha nación con futuro, imos encher as redes sociais de mensaxes, imaxes e vídeos” co cancelo  #galizanación #galizanaçom 

Campaña

"Galiza nación. Un pobo con dereitos" é o nome da campaña que actualmente impulsa a Plataforma Vía Galega, que integra máis de 60 asociacións. Unha campaña que nace co obxectivo de que na sociedade galega se asuma "con naturalidade e consciencia a realidade de que Galiza é unha nación", segundo explicou o portavoz Anxo Louzao nunha comparecencia de prensa. . A iniciativa estenderase até o 18 de abril, cando se convocará unha manifestación nacional en Compostela.