Rede Eléctrica descarta que o 'cero enerxético' fose resultado dun "incidente de ciberseguridade"
O funcionamento do sistema eléctrico peninsular xa está restabelecido 100% e normalizado, segundo datos actualizados de Rede Eléctrica. Ás 11.15 horas deu por recuperada a subministración eléctrica tras o apagamento rexistrado esta segunda feira e que deixou durante gran parte do día sen electricidade a Galiza e gran parte do Estado español.
En rolda de prensa o director de Servizos para a Operación de Rede Eléctrica Eléctrica, Eduardo Prieto, destacou "a boa noticia" de que o sistema eléctrico xa se atopa nestes momentos "funcionando de maneira normalizada, funcionando de maneira estábel e correcta".
Ciberataque
Así mesmo, coas análises realizadas até o momento, o directivo de Rede Eléctrica descartou "un incidente de ciberseguridade nas instalacións de Rede Eléctrica". "Neste sentido, desde onte [28 de abril] , tivemos a colaboración do Incibe, do CNI, e esta mañá [29 de abril] puidemos concluír que efectivamente non houbo ningún tipo de intrusión nos sistemas de control de Rede Eléctrica que puidesen ocasionar o incidente", engadiu.
Prieto puxo en valor os plans de reposición do servizo executados tras a desconexión eléctrica que, malia ser a primeira vez que se executaban na súa totalidade, demostraron "a súa eficacia, o seu correcto deseño e aplicación".
"Os tempos de reposición, necesariamente neste tipo de procesos que son complexos, abarcando unha extensión xeográfica moi grande, con centenares de xeradores, é complexo e son longos. Obviamente gustaríanos que fosen o máis curtos posíbeis, pero a complexidade innata a este tipo de procesos fai que se demore durante un tempo, as horas que foron necesarias", dixo.
En concreto, a reposición levouse a cabo desde as fronteiras de Marrocos e Francia, xa que é a vía máis rápida para acelerar o proceso. "Desde estas fronteiras enerxizamos unha parte da rede española, do País Vasco, de Catalunya, do sur de Andalucía, co obxectivo de chegar aos servizos auxiliares das centrais de xeración para que puidesen comezar os procesos de arranque e axuste canto antes e, unha vez que estes grupos estivesen axustados e arrincados, poder continuar coa propagación de tensión polo resto de elementos da rede en condicións de seguridade", declarou.
Orixe do corte de subministración
Sobre como se produciu o colapso do sistema eléctrico do Estado español, Eduardo Prieto, sinalou ás 12.33 horas deste 28 de abril rexistráronse dúas desconexións separadas por un segundo e medio na rexión suroeste peninsular que provocaron unha caída brusca da frecuencia. Segundo explicou, a primeira foi absorbida polo sistema, pero a segunda levou ao colapso.
O responsábel do operador do sistema considerou que a identificación das instalacións de xeración concreta, a súa localización exacta e demais detalles, "unicamente se poderán ter unha vez que se recibiu toda a información procedente dos centros de control e púidose analizar", pero si que apuntou que o feito de que as desconexións se producisen na rexión suroeste peninsular "pode facer pensar que a perda de xeración é solar".
De todas as maneiras, Prieto chamou a "non especular sobre orixes e desenvolvemento do incidente" nun momento en que non se ten a información suficiente. "É importante que a identificación se faga con rigor, se faga con precisión, cunha análise dos datos e non con ausencia dos mesmos, porque entramos entón no mundo da especulación", advertiu.
Medidas de prevención
Por outra parte, Prieto afirmou que se van a adoptar medidas preventivas para reforzar a seguridade da subministración até que se teñan "as conclusións definitivas que permitan identificar as accións de mellora que sexan necesarias aplicar para evitar que isto poida volver suceder".
Así mesmo, indicou que o obxectivo do operador do sistema eléctrico é que as conclusións definitivas estean "canto antes, xa que é o interese de todos, é o interese da sociedade, é o interese da Administración, é o interese de Rede Eléctrica", dixo, sen poder comprometerse a uns prazos "máis aló de que debe ser canto antes".
Respecto ao parque nuclear, con tres dos reactores do país parados antes do apagamento por diferentes motivos, Prieto indicou que nese momento había máis de 3.000 megawatts (MW) desta tecnoloxía, polo que estimou que entrar en se non se produciu o cero de estar operativas é "pura especulación".
Posíbel fenómeno atmosférico
Por outra parte, a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) descartou que o apagamento estivese relacionado con algún fenómeno meteorolóxico ou atmosférico inusual. Nunha mensaxe na rede social X, o organismo sinalou que non se detectaron eventos anómalos nin variacións bruscas de temperatura na rede de estacións meteorolóxicas o 28 de abril.


