Sánchez anuncia unha comisión de investigación e esixirá responsabilidades aos operadores privados
O presidente do Goberno critica a quen vincula o apagamento coa falta de nucleares e afirma que de depender o sistema eléctrico destas centrais, a recuperación da subministración sería máis custosa.
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, anunciou a creación dunha comisión de investigación do Consello de Seguridade Nacional, que liderará o Ministerio de Transición Ecolóxica, e garantiu que o Executivo estatal esixirá "todas as responsabilidades pertinentes" aos operadores privados de electricidade.
Nunha comparecencia desde Moncloa, o xefe do Goberno do Estado valorou positivamente o informe de Rede Eléctrica no que descarta a posibilidade de que o apagamento se producise por un ciberataque, aínda que con todo o Executivo fará "unha análise independente" con "todos os resortes" do Estado para determinar o motivo da interrupción enerxética.
"Imos esixir todas as responsabilidades pertinentes aos operadores privados. Para iso, o Goberno de España, no seu Consello de Seguridade Nacional, creou unha comisión de investigación liderada polo Ministerio de Transición Ecolóxica", detallou.
Centrais nucleares
Por outra parte, Sánchez advertiu de que aqueles que están a vincular o apagamento enerxético que se produciu este 28 de abril á falta de nucleares "ou menten ou demostran a súa ignorancia".
"Os cidadáns deben saber que durante esta crise, as centrais nucleares, lonxe de ser unha solución, foron un problema porque estaban apagadas e foi necesario desviar a elas grandes cantidades de enerxía para manter os seus núcleos estábeis", explicou o xefe do Executivo tras a reunión do Consello de Ministros.
Segundo Sánchez, a recuperación da subministración eléctrica en España logrouse grazas ás interconexións con Francia e con Marrocos e aos ciclos combinados de gas e ás centrais hidroeléctricas e insistiu en que as nucleares foron supuxeron un inconveniente ao estaren apagadas e requirir o desvío de grandes cantidades de enerxía para manter os seus núcleos estábeis. Segundo lembrou, neste momento hai dúas centrais nucleares activadas e estano non porque se necesiten, senón porque a súa activación xa estaba planeada.
Todas as hipóteses sobre a mesa
O que é "evidente", asegurou Sánchez, é que o sistema eléctrico español fallou ás 12.33 horas, o que obriga a investigar que pasou e por tanto a adoptar medidas e a realizar melloras. Aínda que Rede Eléctrica fixo saber que descarta na rede de transportes calquera ciberataque, Sánchez asegurou que a responsabilidade do Goberno do Estado é facer unha análise independente de que é o que sucedeu.
Para isto, utilizaranse todos os "mecanismos" que ten a Administración Xeral do Estado e, unha vez examinados tamén os rexistros de Rede Eléctrica e de todos os operadores privados, non descartar ningunha hipótese ata que haxa os resultados destas análises.
"Xa lles adianto, faranse públicos, presentaranse aos medios de comunicación e, por tanto, á opinión pública e tamén ás Cortes Xerais con absoluta transparencia", afirmou o presidente.
En calquera caso, Sánchez destacou que nas últimas 24 horas o sistema eléctrico español mostrou unha gran capacidade de recuperación. "Demostrou ser un dos máis avanzados do mundo, algo que se está recoñecendo por parte de expertos e tamén de organismos internacionais", subliñou o xefe do Goberno.

