Recortes e falta de persoal desleixan a atención á diversidade nas escolas

A atención á diversidade prioriza necesidades educativas especiais e adía o apoio educativo (Foto: Down Galiza).
A atención á diversidade nos centros de ensino é un obxectivo que vai máis aló das necesidades específicas do alumnado, parellas ás súas propias dificultades. Exixe unha visión global capaz de incorporar as peculiaridades de cadaquén. Un reto que exixe persoal especializado, tempo e unha formación ampla, en retroceso.

O regreso ás aulas do alumnado de Infantil, Primaria e Secundaria confirmou recortes directos en persoal especialista na atención á diversidade. Unha redución que afecta fundamentalmente a dúas figuras chave, con formación específica en Pedagoxía Terapéutica (PT) e Audición e Linguaxe (AL).

A denuncia parte da plataforma Dereitos, Non Parches, integrada por familias de alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE), que vén sumar a súa desconformidade ás protestas de numerosas comunidades escolares.

Segundo explica a Nós Diario a voceira Leticia Barbadillo, a perda de profesionais especialistas na atención á diversidade "non só dana os dereitos das crianzas con necesidades de apoio educativo" senón que destaca o uso que fai a Xunta da Galiza das estudantes máis vulnerábeis, "comodín" para suprimir un investimento esencial e "proba de que as considera alumnado con menos dereito á educación que aquel que non presenta as súas características".

Por primeira vez, o colectivo apunta un problema xeneralizado "coas PT de atención preferente", prazas que se cobren mediante unha comisión de servizo tras seren solicitadas para casos específicos. "Pídese e faise unha avaliación previa que xustifica a creación desa praza co fin de garantir a continuidade da mesma profesional ao longo da escolaridade da crianza".

Sen atención preferente

Só se adxudican en casos moi ben xustificados para responder a necesidades particulares que poden chegar a exixir formación en lingua de signos ou trastornos de conduta, pon como exemplo Leticia Barbadillo. "Sabemos que en varios centros da Coruña onde se concederon atencións preferentes non se ocuparon as prazas de especialistas de catálogo correspondentes", asegura, un desleixo do que deduce a pretensión da Consellaría de Educación de "cubrir as necesidades de todo un centro coa especialista de Pedagoxía Terapéutica outorgada para a atención preferente dun neno ou nena concreto".

Non é un caso xeneralizado, pero constatan a mesma perda naquelas escolas en que a situación administrativa da praza en cuestión o permite. "Se hai unha persoa con destino definitivo non poden prescindir dela, pero se se cobre cunha interinidade o que fan é deixala deserta".

Para Dereitos Non Parches, este proceder da Administración demostra que "non é unha cuestión de atención ás necesidades senón de minimizar recursos", até o punto de que se unha especialista renuncia a unha comisión de atención preferente, non se busca unha solución para que estea garantida, malia que "o alumnado segue estando aí e a necesidade continúa".

Necesidades diversas

Un instituto de Oleiros mais o CEIP O Ramo de Barallobre, en Ferrol, están no caso. Ninguén solicitou esa comisión de atención preferente e Educación non ofrece alternativa. "Estamos falando de alumnado con informes que din que precisa atención continuada e permanente. E de familias que pasaron por un proceso de valoración incómodo que agora ven que non serve para nada. Teñen unha PT que comparten co resto de crianzas e tampouco queren poñer a súa por riba das necesidades do centro", afirma Barbadillo.

A situación, di, provoca unha sorte de competición por uns recursos escasos. "Non vimos dunha sobredotación, con horas de sobra de atención á diversidade. Ao contrario. Os centros xa estaban saturados, e os protocolos de prevención sanitaria fronte a Covid limitaron moitas prácticas necesarias para o progreso do alumnado máis vulnerábel".
Nenos e nenas con necesidades educativas de distintas aulas xa non se xuntan nunha hora de PT ou AL para traballar en común. Os poucos recursos dispoñíbeis son menos eficientes. E máis exiguos grazas aos recortes.

Adaptación global

A situación administrativa do profesorado de atención á diversidade, "con frecuencia, máis irregular e inestábel" fai que "en canto poden, eliminan", censura Leticia Barbadillo; quen tamén denuncia a supresión de postos de titoría de catálogo que "a Consellaría manda cubrir con docentes especialistas". En música, inglés, educación física ou psicomotricidade. Na práctica, o centro perde horas de apoio e o equipo docente, tempo "para se coordinar ou planificar adaptacións".

Por xunto, condensan as carencias esenciais que desde a plataforma Dereitos, Non Parches están a rexistrar tras o inicio do curso. Mais sen perder de vista o marco xeral da atención á diversidade, carente dunha perspectiva global que permita darlle prioridade ao alumnado con necesidades educativas especiais, "con dificultades por causa de discapacidade", sen deixar atrás as crianzas con necesidades específicas de apoio educativo -dislexia, déficit de atención-, "ás que nunca chega a atención", por se considerar o seu déficit "menos grave".

Barbadillo asegura que "non hai unha perspectiva de atender a diversidade de todas", de deseñar unha aula e unhas actividades "que incorporen a todo o mundo dentro das súas posibilidades", cunha intervención directa dos especialistas en atención á diversidade nese espazo común. Unha norma que segue a ser excepcional. 

Diversidade, formación e diagnose

As eivas en atención á diversidade no ámbito educativo tamén gardan relación coa capacidade de detección dos centros mais do profesorado. De entrada, pola escaseza de especialistas. Son poucos e dispoñen de pouco tempo. Un docente xeral pode advertir un signo de alarma nunha crianza ou escoitar o que lle preocupa á familia, pero non ten adestramento abondo para detectar unha necesidade.

"Corresponderíalle aos equipos de orientación, pero son departamentos burocráticos afeitos a xestionar informes  con escasa presenza nas aulas", advirte Leticia Barbadillo. Ademais, a formación do profesorado en detección de necesidades é moi precaria. "Porque a diversidade e as necesidades variaron moito en moi pouco tempo e porque os plans de formación que se ofertan son moi limitados".