Os recortes da Xunta limitan a resposta dos servizos sanitarios ante a gripe

Pacientes no corredores de Urxencias do CHUS, onte. (Foto:Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS).

Onte, no mesmo día en que o Ministerio de Sanidade convocou as autoridades autonómicas para unificar criterios de actuación ante a epidemia da gripe, a situación continuaba a empeorar no sistema sanitario galego, que continuou colapsado pola avalancha de doentes nun contexto xeneralizado de recortes.

O Ministerio de Sanidade vén de convocar para a vindeira segunda feira unha xuntanza co conxunto dos Gobernos das comunidades autónomas co obxectivo de "avaliar, unificar criterios e tomar accións coordinadas de saúde pública ante estes picos epidémicos". Segundo avanzou a titular do departamento, a dirixente de Más Madrid, Mónica García, entre as recomendación previstas están “levar sempre a man unha máscara nestas datas", particularmente, en situacións de aglomeracións en interiores e "moi especialmente" nos hospitais, centros de saúde e residencias de maiores”.

García indicou que “o papel do Ministerio vai ser sempre brindar o máximo apoio e coordinar todo o que estea na nosa man respectando o exercicio das súas competencias" e manifestou o seu compromiso con "buscar e deseñar, desde xa e de maneira conxunta, plans de acción para o inverno que vén", coa intención de axudar as comunidades autónomas a minimizar esta situación "e non normalizar os colapsos do sistema nun futuro".

A ministra de Sanidade lembrou que "cada comunidade posúe a competencia e a responsabilidade de aplicar as medidas adecuadas ás súas circunstancias particulares". Neste punto, aseverou que "elas son as que están en primeira liña e son as que coñecen mellor as súas necesidades". Precisamente, na xornada de onte desde a comunidade sanitaria culparon os recortes ao recortes da Xunta da Galiza de deixar os servizos sanitarios galegos nunha situación moi complicada para responder a esta emerxencia.

Os profesionais sanitarios non dubidaron en responsabilizar a Consellaría de Sanidade da situación creada polo incremento dos casos da gripe. A este respecto, o médico de Atención Primaria e secretario nacional da CIG-Saúde, a primeira organización sindical do sector, Manuel González Moreira, sinala a Nós Diario que “esta problemática non se daría se contaramos con máis medios e desde a administración sanitaria se formulara unha resposta integral diante dun fenómeno que sabemos que ía vir”.

A ‘condena da gripe’

“Non estamos condenados cada inverno a repetir unha situación deste tipo”, insiste González Moreira, que critica que “a Xunta da Galiza non conte cun plan para preparar o sistema diante desta situación, anticipándose e non limitándose a actuar como resposta”. Neste punto, amosouse convencido de que “se fixeramos unha campaña de vacinación e de educación sanitaria máis eficaz, por exemplo en relación co uso da máscara, non teríamos picos da gripe tan elevados”.

As forzas da oposición denunciaron esta cuestión esta semana. Así, a voceira de Sanidade do grupo parlamentario do BNG, Montse Prado, afirmou que “non é de recibo que tiveramos que agardar a 29 de decembro para que a Consellaría de Sanidade recomendara pór máscara”. Asemade, o secretario xeral do PSdeG en Compostela, Aitor Bouza, afirmou que “chegamos a este caos porque cando pedimos cita ao noso médico de cabeceira non temos a posibilidade de acceder porque non hai profesionais que nos atendan”.

A precariedade de Atención Primaria

A precaria situación da Atención Primaria é chave para agravar o problema. González Moreira apunta que “se a accesibilidade á Atención Primaria fose outra, a resposta sería máis eficiente, máis barata e non se saturarían os PAC ou as urxencias hospitalarias”. Precisamente, o recurso a estes servizos derívase da falta de persoal nos centros de saúde, moi particularmente, de médicos de familia e pediatras.

A voceira de Pediatras de Matronas Xa, Vanessa Viquendi, relata a Nós Diario a problemática das crianzas diante desta emerxencia sanitaria. Nesta orientación, indica que “ao non contar con pediatras en Atención Primaria hai que acudir a urxencias, co que contribuímos a saturar o servizo e aumentamos os riscos para os nosos fillos e os nosos maiores ao verse obrigados a mesturarse”. A este respecto, concluíu que “se non hai pediatras en Atención Primaria non hai prevención nin asistencia posíbel fronte á gripe para as nosas crianzas”.

A carencia de profesionais

A carencia de profesionais nos centros de saúde está a provocar na Galiza tempos de espera de até un mes no primeiro nivel sanitario. Neste sentido, a única posibilidade para moitas persoas de acceder a unha prestación médica pasa polas urxencias hospitalarias dos hospitais de referencia, superadas pola ausencia de medios humanos materiais e pola avalancha de xente provocada pola gripe.

O presidente da Asociación de Pacientes e Usuarios do Centro Hospitalario Universitario de Compostela (CHUS), Fernando Abraldes, explica que “o problema do colapso nos hospitais galegos é de carácter estrutural”. Neste sentido, argumentou a Nós Diario que "a solución pasa por mudar as bases estruturais sobre as que se asenta o sistema sanitario público”, pero pon o foco “en que detrás de cada número hai un drama humano”.

 

895 persoas ingresadas por gripe nos hospitais galegos

Até 895 persoas están ingresadas con gripe nos distintos hospitais do Servizo Galego de Saúde (Sergas). Segundo os datos ofrecidos na xornada de onte pola Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria da Consellaría de Sanidade, 42 destes 895 doentes atópanse internados nas Unidades de Coidados Intensivos (UCI), sendo a taxa de positividade da gripe de 33%.

A Consellaría de Sanidade  da Xunta da Galiza indica que “o número de persoas que entraron en urxencias dos hospitais do Sergas foi de 3.274”. Neste sentido, explica que “destas máis de 3.200 urxencias hospitalarias, 2.786 eran de adultos e 488 de pacientes pediátricos”, sendo “a porcentaxe total de persoas que requiriron ingreso de 18,54%”, 26,3% entre os adultos e 5,86% entre as crianzas.

Virus respiratorio sincitial e Covid

As autoridades sanitarias galegas avanzan que “os datos referidos ao virus respiratorio sincitial reflicten un total de 261 casos activos, 11 menos que na xornada anterior, e con 163 hospitalizados”, sendo 96 destes de persoas de máis de 80 anos”. Ao tempo, informan de que “no que atinxe ao número de persoas ingresadas por Covid na actualidade é de 181, das que seis permanecen  en unidades UCI”.