Recorren o arquivo do proceso penal polo contaxio dunha anciá e a morte doutra na residencia de DomusVi Cangas

Protesta en Cangas por parte de familiares de maiores da residencia DomusVi de Aldán. Imaxe de arquivo (Foto: Nós Diario)

As fillas de dúas usuarias da residencia DomusVi de Aldán (Cangas) que padeceron a Covid-19 (unha delas faleceu) recorren o arquivo do procedemento penal aberto contra a empresa e dous altos cargos da Xunta da Galiza.

As fillas de dúas usuarias da residencia DomusVi de Aldán (Cangas) que se contaxiaron coa Covid-19 durante a primeira onda da pandemia, das cales unha faleceu, presentaron recurso de apelación ante o arquivo do procedemento penal aberto contra a empresa e dous altos cargos da Xunta da Galiza.

O titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Número 3 de Cangas ditou un auto o pasado 25 de marzo polo que decretaba o sobresemento provisional da causa, dirixida contra a CEO de DomusVi no Estado español, Josefina Fernández -persoa próxima ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo- contra a directora do centro, Laura Cancelo; e contra dous altos cargos do Goberno galego: o entón director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa, e a xefa de Inspección de Maiores e Discapacitados, Berta Besada.

No seu escrito, o xuíz maxistrado acordou o arquivo das actuacións ao entender que "non existen indicios fundados de responsabilidade penal", mentres que as denunciantes acúsanos de delitos de lesións, homicidio por imprudencia profesional e abandono de incapaces.

Agora, as fillas destas dúas usuarias afectadas decidiron presentar un recurso de apelación que se baseará en tres aspectos: unha "insuficiente actividade instrutora" para achar indicios de delito, as "irregularidades manifestas" nos ditames técnicos e unha "falta de motivación" do propio auto de sobresemento.

Vellez digna critica as actuación realizadas

Así o explica a asociación canguesa Vellez Digna, composta por familiares de residentes de centros da terceira idade e que presta asistencia xurídica ás dúas denunciantes neste caso. Nun comunicado remitido aos medios, a organización asegura que os avogados solicitarán "máis probas" ante as "sucesivas denegacións" de evidencias documentais e de testemuños propostos.

De feito, Vellez Digna chama a atención sobre o feito de que, ante a "extensa solicitude de proba que foi formalizada", unicamente foi acordado "o requirimento documental á residencia", que é "obviamente parcial", e a emisión dun ditame médico-forense "infestado de irregularidades".

"Tendo en conta que non se tomou declaración a ningunha testemuña, non se obtiveron informes dos principais organismos e persoal sanitario que interveu durante o período de confinamento estrito na residencia, e que tampouco se tomou declaración aos denunciados, preguntámonos en que proba das practicadas poden concluír que non se perpetraron os delitos denunciados", explica a asociación de familiares, que ademais considera que "de ningún modo" o xulgado impulsou unha investigación "en profundidade" dos feitos.

Aliás, Vellez Digna entende que o xuíz de instrución "está a prexulgar o asunto" cando o seu labor "é identificar posíbeis indicios de comisión dos feitos delituosos que se denuncian".

Por todo iso, os familiares din sentirse "boicoteados e maltratados" polo xulgado de instrución, que os trata "con desigualdade" fronte ás catro persoas contra as que se dirixiu a querela presentada xa en xuño de 2020.

No auto de sobresemento ditado o pasado 25 de marzo, o titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Número 3 de Cangas explicaba que, á vista das probas practicadas -que os familiares consideran "insuficientes-, "non cabía outra decisión" que o seu arquivo.

Iso si, o auto engadía que con esta decisión xudicial "non se mantén que non existise responsabilidade algunha" por parte dos denunciados, senón que "o que se mantén é que non existen indicios fundados de responsabilidade penal".