Vaga de calor: récord histórico en Ourense, que supera os 43 graos e lidera as altas temperaturas na Galiza

Ourense marca o seu máximo histórico e fica moi perto da maior temperatura desde que existen rexistros na Galiza. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
A cidade das Burgas ficou moi perto da maior marca rexistrada polos termómetros galegos desde que existen rexistros, os 43,3 graos do concello de Leiro en agosto de 2016.

As temperaturas abafantes que estes días imperan no país levaron o Goberno galego a decretar a alerta máxima pola vaga de calor en todos os municipios da Galiza.

Contra as 10 horas desta terza feira varios municipios rexistraban valores por riba dos 30 graos centígrados, un rexistro que Carnota deixou pulverizado a primeira hora da mañá, arredor das 8 horas, con 30 graos na parroquia de Lira.

Mais a calor non cesou e o mercurio seguiu a subir ao longo da xornada, especialmente nas horas centrais do día, superando a marca dos 40 graos en concellos como Ourense.

Precisamente a cidade das Burgas foi a protagonista do día após alcanzar a máxima temperatura rexistrada desde que existen rexistros: un pico de 43,3 graos nunha das estacións meteorolóxicas do municipio.

Nun primeiro intre estas instalacións rexistraran 44,07ºC, se ben logo Meteogalicia aclarou que foi un erro técnico e rebaixou o dato, que segue a ser de récord. Ourense, segundo as estimacións de Meteogalicia, moverase en rexistros semellantes durante toda a semana.

O termómetro quedou a piques de superar o récord histórico do país, que ostenta o concello de Leiro desde o 7 de agosto de 2016 (44,2ºC) e que tamén quedou ás portas da súa propia marca nesta xornada, cun pico de 43,06ºC.

A temperatura nas cidades

En Ferrol as temperaturas chegaron a alcanzar esta terza feira os 36,38ºC, por volta dos 37,9ºC de Lugo. Nuns rexistros semellantes moveuse Santiago de Compostela, con até 38,41ºC nos momentos de maior calor do día.

Unha situación semellante produciuse nas Rías Baixas, cos termómetros achegándose aos 40ºC en boa parte dos municipios que integran a zona. A estación de Campolongo, en Pontevedra, tivo un pico de 39,32ºC, ao tempo que se alcanzaron en Vigo os 37,58ºC.

Na Coruña, porén, e sempre segundo os datos achegados por Meteogalicia, a calor non afectou con tanta forza como nas outras cidades do país, pois non se superaron os 25 graos.