A metade da Galiza, en risco extremo de incendio forestal: só A Mariña está en nivel moderado

Uns bombeiros traballan nun lume en Lobios, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press) #bombeiros #brigadistas #xunta #mediorural #vacinación #coronavirus #extinción #lumes #incendios #sanidade
O país atópase agora mesmo en situación de alerta máxima por altas temperaturas.

Segundo o índice de risco diario de incendio forestal (IRDI) que elabora a Consellaría de Medio Rural, a metade dos concellos da Galiza atópanse esta terza feira en situación de risco extremo de lume.

Para a elaboración deste índice diario, Medio Rural ten en conta múltiples factores que inflúen en maior ou menor medida no comportamento dos incendios. Entre eles, as condicións de seca, a humidade ambiental, a temperatura e o vento.

Mapa do IRDI. (Foto: Medio Rural)

Tal e como mostra o mapa sobre o que se expón o IRDI, a totalidade dos concellos das comarcas ourensás atópanse no nivel máximo de risco por incendios forestais.

Unha situación semellante viven nas comarcas pontevedresas e lucenses, a excepción dalgunhas zonas costeiras. Precisamente, A Mariña é a única zona de toda a Galiza que se atopa en nivel moderado

As comarcas coruñesas, menos afectadas

Sen chegar ao nivel da Mariña, as comarcas do noroeste do país tamén vivirán no día de hoxe unha situación de risco alto e non extremo, como no resto da Galiza.

Durante o día de hoxe, espérase que varios concellos do sur do país acaden, e mesmo superen, os 40 graos centígrados, o que obrigou á Xunta a decretar os niveis de alerta laranxa e vermello no conxunto da Galiza polas altas temperaturas.

A pasada semana, o propio Goberno galego decretara a situación de alerta por episodio de calor nivel 3 (o máximo) nun total de 48 concellos.

Porén, a vaga de calor na que se atopa agora mesmo a Galiza obrigou na segunda feira o Executivo a estender a alerta máxima por altas temperaturas. Un escenario que, segundo as previsións, manterase cando menos até esta sexta feira.