Récord histórico: ondas de case 14 metros baten todas as marcas en Estaca de Bares

Ondas batendo nas rochas no Grove o pasado domingo (Foto: Elena Fernández / Europa Press).
Ondas de case 14 metros en Estaca de Bares baten todos os rexistros estatais de intensidade media durante unha hora.

Os 13,94 metros captados na boia de Portos do Estado en Estaca de Bares, no municipio de Mañón (Ortegal), foi o récord estatal absoluto de altura de onda significante -media das máis altas durante un período dunha hora- desde que existen rexistros.

Así, a onda de 13,94 metros rexistrada ás 22 horas do sábado supera a de 13,72 metros da boia de Bilbo (Euskadi) durante o paso do ciclón extratropical Klaus en 2009, segundo trasladou nun comunicado Portos do Estado.

O paso das borrascas Celine, Ciáran e Domingos, que mantiveron en alerta vermella todo o litoral galego desde mediados da pasada semana até o domingo, fixo que as boias operativas de Portos do Estado obtivesen rexistros medios elevados mais sen alcanzar niveis de récord.

Segundo explica o organismo, a altura de onda significante representa o valor medio do terzo de ondas máis altas rexistradas durante un período dunha media hora. Trátase dun parámetro estatístico de "grande utilidade" para describir a intensidade da ondada na posición da boia e é máis definitorio, por tanto, da dureza do temporal.

Con todo, a boia de Estaca de Bares non ten a tecnoloxía para transmitir en tempo real a altura de onda máxima, polo que será necesario descargar os datos de abordo para coñecer os rexistros captados durante o temporal.

Portos do Estado si dispón desta información na boia de Cabo Silleiro, no municipio de Baiona (Vigo), que marcou 16,47 metros o 5 de novembro ás 4 horas, e na de Langosteira (A Coruña), que rexistrou 15,89 metros o 4 de novembro ás 19 horas; valores que destaca como "moi elevados" mais que non supuxeron récords.

Outubro húmido e extremadamente cálido

Por outra parte, Meteogalicia fixo esta terza feira balance da meteoroloxía vivida o pasado mes de outubro, que foi extremadamente cálido na Galiza e moi húmido con dúas metades ben diferenciadas: unha primeira con temperaturas moi superiores ao habitual e unha segunda en que as precipitacións foron abundantes para a época.

Até o día 12, as altas presións no norte da península Ibérica achegaron aire cálido procedente da África setentrional e trouxeron unha estabilidade que se rompeu o día 13, xornada na que se produciu un cambio brusco coa entrada da primeira borrasca que, con todo, non compensou a calor das dúas primeiras semanas.

Desde o día 15 e até final de mes sucedéronse as borrascas, entre elas Babet, Aline, Celine e, en menor medida, Bernard; que apenas tivo incidencia na Galiza. Por zonas, os valores de temperatura máis elevados recolléronse nas ribeiras do Sil e do Miño, cuxa temperatura máxima oscilou, de media, os 22,9 e 23,7 graos. Pola contra, os máis baixos, comprendidos entre 15,3 e 17,5 graos, rexistráronse nas zonas máis elevadas do país, como son as serras do Courel, de Queixa ou de Eixe.

A pesar de que os primeiros 12 días foron secos, as borrascas consecutivas até final de mes fixeron que a precipitación media acumulada alcanzase 389 litros por metro cadrado, dándose os valores máis altos na vertente atlántica, onde o máximo absoluto foi superior aos 1000 litros por metro cadrado.