Reclaman un plan de prevención do suicidio perante as "cifras crecentes"

O Movemento galego de saúde mental (MGSM) presentou as cifras correspondentes ao ano 2015 e alertou de que este tipo de mortes é "un dos mais graves problemas de saúde pública" no país. VÍDEO NO INTERIOR.

O Movemento galego de saúde mental deu a coñecer o número de mortes por suicidio rexistradas na Galiza o pasado ano de acordo cos dados que manexa o colectivo. Neste senso, aseguran que no noso país faleceron desta maneira 321 persoas, principalmente na Coruña (151) seguida Pontevedra (81), Lugo (58) e Ourense (31). 

"En Galicia o problema é especialmente grave, cunhas cifras crecentes, taxas moi elevadas, sendo uns tristes líderes deste tipo de mortes no conxunto do Estado", advirte o MGSM

Esta cifra supón unha redución a respeito das mortes por suicidio rexistradas en 2014 polo propio MGSM (390) situándose por riba dos falecementos por accidente de tráfico.  Así as cousas, denuncian, Galiza continúa a liderar os ránking no conxunto do Estado español. "En Galiza o problema é especialmente grave, cunhas cifras crecentes, taxas moi elevadas, sendo uns tristes líderes deste tipo de mortes no conxunto do Estado e malia iso, cun descoñecemento do fenómeno, agravada pola actitude que elude as responsabilidades por parte da Administración pública", sinalaron desde o Movemento galego de saúde mental en comparecencia de imprensa. 

Sen Plan de prevención

Destarte, denuncian o feito de que o suicidio "non se menciona na avaliación da Estratexia SERGAS 2014 nin nas memorias da Dirección Xeral de Saúde Pública" nen existe un Plan de prevención, unha ferramenta que veñen reclamando desde hai anos. 

"Desde o MGSM consideramos que o goberno sanitario (Consellería de Sanidade e SERGAS) non está a cumprir coa súa finalidade e a súa obriga nesta cuestión. Son anos perdidos e agravados desde que se instalou o actual goberno, tanto en saúde mental como en prevención do suicidio", apuntan. Así pois, exixen que se elabore o plan de acordo coas recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS). E é que a institución internacional insta a reducir nun 10% as cifras de suicidios para o ano 2020, un feito que para Galiza suporía tornar a cifras de 2006. 

Cumprir cos obxectivos fixados pola OMS suporía tornar ás cifras de suicidio de 2006

Saúde pública

Nese documento, reclaman que o suicidio sexa tratado como unha cuestión de "saúde pública" contando coa implicación da comunidade. "Chamamos a soster información institucional sobre esta cuestión de cara a sensibilizar e desestigmatizar o suicidio, mellorar o coñecemento sobre el en atención primaria e aproveitar a súa capacidade para explorar o risco, avalialo e realizar actuación preventiva. Cómpre desenvolver canto antes protocolos específicos de atención a persoas con conduta suicida e a afectados por suicidio consumado, garantir a prioridade no acceso a recursos asistenciais para as persoas en risco, incrementar o seu seguimento e intensificar a atención sanitaria e social no seu caso. É preciso, así mesmo, flexibilizar o acceso e o funcionamento dos recursos", acrecentan. 

Para sensibilizar a sociedade da gravidade da situación e da falta de coñecemento a respeito das mortes por suicidio o Movemento galego de saúde mental lanzou unha campaña através das redes sociais. Trátase dun vídeo intitulado 'Badaladas pola prevención do suicidio' na que participan integrantes do colectivo e profesionais da saúde lanzando un chamamento a focar a atención nesta realidade agravada pola crise económica.