Os suicidios duplican as mortes por accidente de tráfico

En 2014 rexistráronse 371 suicidios, unha cifra que aumentou de maneira progresiva coa crise económica.

O INE fixo públicas as cifras de suicidio correspondentes ao ano 2014. Na Galiza rexistráronse, segundo os dados oficiais, 371. Este número supón o duplo de persoas das que faceleron no mesmo período por accidentes de tránsito en vehículos a motor (161) sendo que, ademais, atinxe maioritariamente homes (279) en relación ás mulleres (92). 

Desde o estourido da crise económica os suicidios incrementáronse o 22%

O suicidio rexístrase maioritariamente entre persoas de 30 e 39 anos de idade seguidas daquelas que se sitúan entre os 50-54 e os 65-69. Desde o estourido da crise económica o número de persoas que se quitaron a vida incrementouse o 22% pasando de 304 no ano 2007 e 296 en 2008 a 371 segundo os últimos dados rexistrados. 

Así mesmo, salienta o aumento de 38 persoas a respeito das cifras de 2013 nas que se contabilizaron 333 suicidios. 

Desde o Movemento Galego de Saúde Mental critican a falta de prevención para atallar os suicidios e comparan o traballo investido co obxectivo de reducir o número de falecementos nas estradas fronte ao que se desenvolve nesta materia que é, denuncian, practicamente nulo.

O MGSM reclama un Plan galego de prevención

Nunha reportaxe publicada no semanario en papel nº186 intitulada 'Suicidio, entre o tabú e a desprotección' afondamos no coñecemento desta realidade como unha cuestión de saúde pública da man do portavoz do Movemento galego de saúde mental, Miguel Anxo García, da doutora en Psicoloxía, Lola Ferreiro e da psicóloga do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galiza (COPG), Delia Gutián.