NUN ANO AUMENTOU NUN 18% O NúMERO DE PERSOAS QUE SE QUITARON A VIDA NA GALIZA

O Movemento Galego de Saúde Mental alerta sobre o incremento dos suicidios

O Movemento galego da saúde mental reclama “visibilizar este grave problema de saúde pública, desconsiderado na súa importancia”. En 2014 suicidáronse 394 persoas no noso país, mais dunha cada día, fronte as 333 do ano anterior.

 

No 2014 morreron por suicidio 394 persoas, un 18% máis que en 2013 (333 persoas), o que supón máis dun falecido cada día no noso país por esta causa. No ano 2000 foran 293 as persoas que morreran por esta causa. Son dados do Movemento galego da saúde mental co gallo do Día Mundial da prevención do suicidio. En 2012 morreron no mundo por suicidio 804.000 persoas.

En Galiza o problema é “especialmente grave”, afirman, cunhas cifras crecentes, “taxas moi elevadas, sendo uns tristes líderes deste tipo de mortes no conxunto do Estado e malia iso, cun descoñecemento do fenómeno, agravada pola actitude que elude as responsabilidades por parte da Administración pública”.

O Movemento Galego da Saúde Mental pede que se elabore un Plan Galego sobre o Suicidio

A pesar de estar diante dun asunto de tal magnitude, sostén este colectivo, non se menciona na avaliación da Estratexia Sergas 2014 nin nas memorias da Dirección Xeral de Saúde Pública. Non existe plan para o suicidio en Galicia, pero é que tampouco existe plan de saúde mental. Nun contexto de crise económica e cos graves recortes na cobertura social, especialmente co deterioro da rede de atención á saúde mental, agrávanse os factores de risco.

O Movemento considera que cómpre elaborar o Plan Galego sobre o Suicidio, “acorde coas orientacións da OMS e no seu marco, de carácter multisectorial”, liderado pola Consellería de Sanidade e asumida a súa responsabilidade pola Dirección Xeral de Saúde Pública. “Este plan ten que ser concibido como un plan de saúde pública e artellado co Plan de Saúde Mental, cun carácter prioritario e dotado cos recursos acordes á gravidade do problema de saúde, e implicando tamén á comunidade”.