Reclaman maior formación social e sanitaria sobre a eutanasia na Galiza

Manifestación reivindicando o dereito a morrer dignamente. (Foto: Europa Press)
A Xunta non constituirá até xullo a Comisión de Garantía e Avaliación da Eutanasia, encargada de redactar informes anuais sobre a aplicación deste dereito.

A asociación Dereito a Morrer Dignamente na Galiza vén de reclamar máis formación dos profesionais sanitarios e máis información para difundir o "dereito" para solicitar a eutanasia, en base aos requisitos estabelecidos pola Lei de eutanasia que entrou en vigor o 24 xuño do ano pasado.

Así o manifestou a Europa Press a súa vicepresidenta, Isabel Blanco, quen asegurou que son numerosas as solicitudes de información que reciben, unha cuestión que vincula coa falta de formación nesta materia por parte dos profesionais sanitarios.

Segundo o Sergas, desde a entrada en vigor do Decreto de regulación da Eutanasia recibiu un total de 19 solicitudes, "das que en catro realizouse a prestación".

"En canto aos restantes casos, a maioría dos procedementos atópanse aínda en proceso" de tramitación, sinalaron desde a Consellaría de Sanidade.

Falta de "transparencia"

Sobre a situación na Galiza, Isabel Blanco afirmou que unha vez ao ano debe publicarse un informe, pero que no caso do noso país non se fixo aínda.

Isto débese a que a Comisión de Garantía e Avaliación da Eutanasia, encargada de redactalo, non se constituirá até xullo. Porén, outras autonomías "con outra transparencia" xa publicaron dito informe, afirmou a vicepresidenta da organización

En canto á aplicación da lei, admite que, ao tratarse dunha lexislación nova, é "difícil normalizar ese dereito". Neste sentido, incidiu en que "faltan campañas divulgadoras e formación do persoal sanitario".

"A xente vai pedir ao centro de saúde información e non saben (os facultativos)", concluíu.