Pontón exixe a Feixoo que non poña atrancos á Lei de eutanasia

Ana Pontón demanda ao presidente da Xunta que non poña atrancos á aplicación da Lei de eutanasia na Galiza e carga contra o PP por recorrela ante o Constitucional. Feixoo xa sinalou que a lei non é do seu gusto.
Ana Pontón no encontro sobre industria en Vigo (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón no encontro sobre industria en Vigo (Foto: Nós Diario)

Coa entrada en vigor da Lei de eutanasia, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, interpelou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, para que aclare se vai pór atrancos á aplicación desa lei na Galiza. A nacionalista considera esa aclaración necesaria despois de que o PP decidise recorrer o texto lexislativo que regula a eutanasia activa.

“Preocúpanos ver de novo un PP que se opón ao avance de dereitos e liberdades, un PP que se opuxo á Lei do divorcio, á do aborto, á  do matrimonio homosexual e agora tamén ao dereito a unha morte digna. Parece que o PP non asume os avances en dereitos e liberdades”, afirmou.

A nacionalista considera preocupante que Feixoo dixese que a lei non lle gusta. "E tanto que non lle gusta que o PP decide recorrela, e por iso pregunto ao presidente da Xunta se vai frear o seu desenvolvemento na Galiza". Estamos ante unha lei, salientou, que recoñece o dereito das persoas a unha morte digna “e é inhumano que unha vez máis o PP se queira opor”. 

Reactivar a industria

A líder do Bloque fixo estas valoracións en Vigo, nun encontro con delegados sindicais e responsábeis de comités de empresas do sector industrial. Para a nacionalista, o principal problema que ten este sector en Vigo é "a confrontación permanente e estéril entre o alcalde da cidade e o presidente da Xunta", cando "deberían estar colaborando con lealdade e rigor para revitalizar o sector industrial". 

Vigo precisa "propostas a favor da súa industria", dixo, propondo unha Mesa da automoción, cos axentes implicados e a elaboración dun plan que fomente a instalación de novas actividades industriais vinculadas ao sector. Tamén propuxo un plan de formación que prepare profesionais para a industria 4.0 para fabricar coches de maior valor engadido que veñen da man da transición enerxética. Tamén chamou a “sacar do pozo” os estaleiros de Vulcano e Barreras, demandou apoio público para eles e propuxo a creación dun centro de reparacións na Ría de Vigo.

Aliás, considerou que os fondos europeos de recuperación deben servir para sentar as bases dun novo modelo económico, verde e baseado na innovación.

Piden protexer o litoral galego ante a eólica mariña

Por outra banda, o BNG tamén exixiu que o litoral galego sexa declarado "espazo non apto" para proxectos de eólica mariña, polo seu impacto no sector pesqueiro e marisqueiro.

Nese sentido, avanzaron que presentarán iniciativas e reclamacións para protexer o litoral.

Comentarios