Receo ante a falta de positivos en COVID-19 na Galiza

O Sergas prepara a segunda fase do estudo epidemiolóxico mentres o IGE comeza a analizar os primeiros resultados (Europa Press).
Os servizos de Atención Primaria avogan por suspender o estudo de seroprevalencia do Sergas para coñecer a incidencia e a evolución da COVID-19 na Galiza. Piden derivar os esforzos cara ao sistema sanitario, co obxectivo de facelo forte e capaz fronte ao risco de futuros rebrotes e as necesidades da saúde convencional.

O pasado 23 de abril a Consellaría de Sanidade puxo en marcha o estudo epidemiolóxico co que o Goberno galego pretende definir a "auténtica dimensión" da COVID-19 na Galiza. Durante dúas semanas os servizos de Atención Primaria encargáronse do desenvolvemento das probas correspondentes á primeira fase. 

Todo o traballo de campo recaeu no persoal de enfermaría dos centros de saúde. Neste tempo encargouse de contactar cos individuos seleccionados de forma aleatoria, obter o seu permiso, facerlles unha enquisa, citalos, realizarlles o test practicando unha punción dixital, comunicarlles o resultado e rexistralo na súa historia clínica.

Repetiron este protocolo con perto de 62.000 usuarias da sanidade pública galega na busca de 50.925 mostras necesarias para estimar a prevalencia da COVID-19 e a porcentaxe de poboación inmunizada fronte ao virus SARS-CoV-2.

Críticas do colectivo médicos

Os datos iniciais apuntan que os positivos por coronavirus na Galiza non chegan a 1%, unha marca que segundo as entidades médicas colexiais sinala unha incidencia moi baixa da enfermidade e, polo tanto, unha escasa circulación do virus por todo o territorio.

Non ten moito sentido estar perdendo o tempo e queimando os recursos nunha investigación que xa non vai dar máis información.

Desde a Atención Primaria aseguran que esa porcentaxe non vai cambiar cando dentro de catro semanas se complete o estudo epidemiolóxico coa recollida doutras 50.925 mostras, unha sospeita que acrecenta as críticas por parte do colectivo médico, presentes desde o inicio da macro enquisa.
"Non ten moito sentido estar perdendo o tempo e queimando os recursos nunha investigación que xa non vai dar máis información, e menos neste período de desconfinamento no que a prevalencia, previsibelmente, vai seguir en descenso", sinala o portavoz da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec), Jesús Sueiro.

Este colectivo foi, xunto a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, dos primeiros en censurar o estudo epidemiolóxico do Sergas cando, durante moito tempo, se limitou o acceso libre ás probas para a detección precoz do coronavirus, tanto entre as usuarias como entre as profesionais da sanidade.

Sen positivos

"No centro de saúde onde eu traballo, o Concepción Arenal, en Compostela, o máis grande da Galiza e onde máis probas se fixeron sobre unha poboación de referencia de 60.000 persoas, non houbo un só positivo, o que deixa unha sensación de pouca fiabilidade", destaca Sueiro, cando do que se trata é de garantir medidas de prevención e protección sólidas, mais non a partir duns datos "tan pobres".

Desde a Agamfec solicitan a finalización do estudo de seroprevalencia, xa que é o que se adoita facer "cando os resultados amosan unha tendencia indiscutíbel". Piden unha análise rigorosa dos datos, que se fagan públicos os resultados e que os tests diagnósticos liberados queden a disposición dos servizos de Atención Primaria "para o seu emprego en base a criterios clínicos".
Tamén desde o punto de vista da carga de traballo. "Temos todo persoal de enfermería dedicado á realización dos tests cando hai outras prioridades que exixen todos os recursos dispoñíbeis e un claro impulso da súa capacidade resolutiva", advirte Jesús Sueiro.

Non todo é coronavirus

Desde a Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria reclaman, fronte á continuidade do estudo epidemiolóxico do Sergas, "unha nova organización do sistema sanitario" para afrontar unha etapa diferente da pandemia no marco do desconfinamento.

Se a Atención Primaria vai xogar un papel fundamental, din, urxen recursos suficientes e con capacidade para tomar decisións, máis, nun contexto de baixa inmunidade, como prognostican os resultados inciais que o Instituto Galego de Estatística (IGE) comeza a analizar esta semana. Segundo Sueiro, "hai dúas grandes prioridades: ver todas as pacientes crónicas que levan dous meses confinadas, sen pasar consulta, mais dispoñer dos recursos necesarios para identificar casos sospeitosos, lograr unha detección precoz, favorecer o illamento e controlar os seus contactos".