A Xunta fará tests a 100.000 galegas para saber se portan o virus e coñecer a inmunidade

A Xunta fará test a 100.000 galegos e galegas para saber se son portadoras do coronavirus e coñecer "coa maior profundidade posible como está de inmunizada a poboación" na Galiza.

Diso informou esta sexta feira o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, na rolda de prensa posterior á reunión do Consello, na que detallou que as primeiras 51.000 empezarán a finais da vindeira semana. Despois diso, realizarase unha "segunda vaga" de probas a catro semanas de finalización da primeira.

Feiixoo detallou que o Instituto Galego de Estatística (IGE) está a determinar o tamaño da mostra e sinalou que os resultados buscarán ser "representantivos" por comarcas e as sete cidades galegas. Para iso, explicou que se elixirá de forma aleatoria a persoas coa tarxeta do Servizo Galego de Saúde (Sergas) en función do sexo, a idade ou o territorio.

Despois diso, serán citados telefonicamente para que acudan ao centro de saúde a realizar a proba. Con todo, as profesionais desprazaranse aos domicilios daquelas persoas que por cuestións de saúde non poidan desparazarse.

O presidente da Xunta, que detallou que esta será a "mostra máis grande feita polo Sergas", informou de que estas probas se farán cos test de anticorpos enviados polo Goberno español a Galiza.

Sobre estes, lembrou que o Goberno galego "entendía" que estas probas "non eran definitorias para o diagnóstico" pero, con todo, asegurou que si se poden utilizar para "mostras epidemiolóxicas da poboación".