A rebaixa do control ambiental ás eólicas ameaza con "consecuencias nefastas" para a paisaxe

Durante os dous próximos anos os proxectos eólicos poderán recibir o visto bo só co estudo ambiental da empresa promotora. (Foto: Luis Vilanova).
Desde o asociacionismo ecoloxista da Galiza advirten dunhas consecuencias nefastas en vista da "nula ou escasa responsabilidade ambiental do oligopolio enerxético, que só atende a xerar beneficio sen miramento ningún".

O Goberno estatal vén de introducir unha modificación nos procesos de autorización de proxectos eólicos e fotovoltaicos a través do decreto lei aprobado o pasado mes de decembro coas novas medidas para paliar as consecuencias da crise económica.

Segundo recolle a norma, aquela iniciativas cuxa instalación estea prevista fóra do mar, de zonas consideradas Patrimonio Nacional e da Biodiversidade ou da Rede Natura xa non estarán obrigadas a realizar unha avaliación de impacto ambiental, polo que os novos proxectos que se soliciten nos próximos dous anos, por grandes que sexan, poderán ir adiante e implantarse unicamente cun estudo sobre o impacto medioambiental elaborado polo seu promotor.

No prazo de 10 días, a Administración e un equipo técnico analizarán a documentación. Se a consideran suficiente non se pronunciará. O silencio administrativo será sinónimo do seu visto bo. Só en caso de considerar o estudo presentado pobre ou deficitario completará a avaliación ambiental do proxecto.

O obxectivo desta mudanza, vixente xa desde o mes pasado mes de marzo para instalacións de pequeno tamaño co fin de axilizar os permisos requiridos é, segundo o Executivo de Pedro Sánchez, acelerar a implantación de enerxías renovábeis facilitando os procesos, sen que esta medida vai supor, dixo, que se dane en ningún momento o medio ambiente. 

Galiza, "zona de sacrificio"

Desde o asociacionismo ecoloxista da Galiza advirten dunhas consecuencias nefastas en vista da "nula ou escasa responsabilidade ambiental do oligopolio enerxético, que só atende a xerar beneficio sen miramento ningún".

Cristóbal, López, de Ecoloxistas en Acción sinala a falta de rigor co que as empresas adoitan afrontar os estudos ambientais que acompañan as súas iniciativas. Son xenéricos e "pouco fiábeis", xa que se limitan a copiar e pegar o mesmo contido nun proxecto e noutro sen atender á realidade de cada territorio.

 Isto, sumado a que "no ámbito terrestre a implantación de renovábeis non conta con ningunha ordenación, o único que favorece é que sexa o sector o que dite as súas normas e vai converter a Galiza en zona de sacrificio".

"É un auténtico despropósito", asegura López, mais nun país coa cota máis baixa de superficie protexida pola Rede Natura, 12%, fronte 27% do Estado e 40% que alcanza moitos territorios da contorna europea.

Para Benito Andrade, voceiro da Asociación pola Defensa da Ría e parte da Federación Ecoloxista Galega, "unha tramitación ambiental rigorosa leva tempo" e hoxe, di, todo son présas. "Existen unha tendencia nas Administracións a minimizar os trámites e a reducir os prazos, apremadas polas empresas e polo temor a perder fondos europeos. E aí o primeiro que se recorta son os controis ambientais, que son os que máis esperas e problemas achegan ás empresas.

Segundo destaca, esta medida supón a devalo dunha protección da contorna "que xa é escasísima, que atenta directamente contra a biodiversidade, pero tamén contra patrimonio, os recursos hídricos, á paisaxe, dentro e fóra da Rede Natura, onde tamén hai hábitats e especies catalogadas a preservar".

Descontrol ambiental

"Os estudos de impacto ambiental das empresas son moi deficitarios. Todos recoñecen danos, mais no apartado de valoración acaban sempre por consideralos 'compatíbeis coa actividade' de acordo cunhas hipotéticas medidas de compensación que ninguén supervisa", alerta Andrade.  As administracións  están "desbordadas", engade López. Decae o control e tamén as opcións do asociacionismo para exercer de contrapeso.

Lobbies contra a participación pública

Para o profesor de Dereito Administrativo e vogal de Adega Fernando de Abel é moi elocuente que "de marzo a decembro se estendese de maneira tan significativa a exención dunha avaliación ambiental ordinaria" para toda caste de proxectos de enerxías renovábeis. É o froito da presión dos lobbies enerxéticos sobre os gobernos.

Todo o que sexa relaxación das avaliacións de impacto ambiental é unha mala noticia, polo gran prexuízo que ocasionan este tipo de proxectos no medio. Advirte De Abel que o procedemento simplificado de determinación de afeccións ambientais que estabelece a norma vai carecer do rigor equiparábel ao das avaliacións de impacto ordinarias. Por outra parte, dubida que esta mudanza vaia ser chave para o desenvolvemento de novos proxectos. "Por moita simplificación que se faga paréceme imposíbel que se dean tramitado tantos como se solicita", mais é seguro, di, que servirá para "volatilizar" do proceso calquera rastro de participación pública.