A reapertura dos centros de vacinación masiva anunciada por Sanidade contradí a defensa dos orzamentos do conselleiro de Facenda

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos (á dereita), entregou o proxecto de orzamentos ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices (Foto: Parlamento galego)
O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, defendeu a falta de incremento nas partidas sanitarias explicando que en 2022 non vai haber "vacinódromos nin reforzos nas UCI".

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, avanzou esta mañá, durante unha visita ao recinto feiral de Silleda, a posible reapertura, pasado mediados de novembro, dos centros de vacinación masiva para administrar a terceira dose contra a covid a menores de 80 anos.

O responsábel de Sanidade explicou que para esta data xa haberá bastantes menores de 80 anos que cumprisen os seis meses necesarios de cadencia entre doses, motivo polo que poden volver abrirse os centros masivos de vacinación. 

Polo de agora, dixo Comesaña, a inxección da terceira dose avanza nos maiores de 80 anos, que xa cumpriron eses seis meses, aos que se lles ofrecerá a partir desta segunda feira a posibilidade de recibir a vacina contra a gripe. Segundo as previsións de Sanidade a mediados ou finais de novembro, comezarán a administrar a dose de reforzo para a poboación de 70 a 79 anos, que accederá á vacinación fronte á gripe a partir do 25 de outubro. 

As palabras de García Comesaña entran en contradición coas do conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, que defendeu a falta de incremento nas partidas sanitarias explicando que en 2022 non vai haber "vacinódromos nin reforzos nas UCI".

 

As partidas para a consellería de Sanidade son -xunto con Mar, Facenda e Infraestruturas- as que menos crecen no proxecto de Orzamentos da Xunta para o ano 2022.

 

Cabe lembrar que as partidas para a consellería de Sanidade son -xunto con Mar, Facenda e Infraestruturas- as que menos crecen no proxecto de Orzamentos da Xunta para o ano 2022.

A Atención Primaria verá reducida a súa asignación para o ano que vén: 1.389 millóns fronte aos 1.391 de 2021. Se comparamos estas cifras coas dos últimos orzamentos do Goberno bipartito (PSdeG e BNG), hai doce anos, a redución é aínda maior: daquela asignáronselle á primaria 1.436 millóns de euros que, aplicando a suba do IPC na Galiza desde outubro de 2019 até setembro de 2021, equivalerían hoxe a 1.619 millóns de euros. 

A redución de partidas dedicadas á Atención Primaria vén sendo obxecto de numerosas críticas da oposición, dos sindicatos e dos colectivos de defensa da sanidade pública, que veñen alertando desde o comezo da pandemia do "estado de emerxencia" no que está inmersa. O pasado 1 de outubro, unha manifestación para exixir máis medios para a Atención Primaria reuniu a máis de 20.000 persoas en Vigo, e a Plataforma  SOS Sanidade Pública convocou para o vindeiro 14 de novembro unha nova manifestación nacional en contra do "desmantelamento" e da "privatización" da Atención Primaria por parte da Xunta.