A xustiza reabre o caso do accidente no Marisquiño en 2018 que deixou 350 persoas feridas

Dársena do Paseo das Avenidas após o accidente (Foto: arquivo 112).
A Audiencia de Pontevedra estima en parte os recursos de apelación formulados polas representacións de varias persoas feridas, deixando sen efecto a resolución do Xulgado de Instrución "a fin de que se dite unha nova resolución suficientemente motivada".

A sección quinta da Audiencia de Pontevedra, con sede en Vigo, ordenou a reapertura do caso do accidente do Festival O Marisquiño 2018 ao entender que a resolución do Xulgado de Instrución número 3 de Vigo na cal se decretaba o sobresemento provisional do mesmo non estaba "suficientemente motivada".

No seu auto, a Audiencia estima en parte os recursos de apelación formulados polas representacións de varias persoas feridas, deixando sen efecto a resolución do Xulgado de Instrución "a fin de que se dite unha nova resolución suficientemente motivada".

Foi en xaneiro cando se arquivou a causa do accidente do Marisquiño 2018, onde resultaron feridas máis de 350 persoas despois de que cedese a estrutura do peirao onde estaba a ter lugar un concerto. Os feitos ocorreron o 13 de agosto dese ano, día no que se produciu o derrube da estrutura de formigón situada baixo o escenario.

Na resolución do Xulgado de Instrución, a xuíza indicaba que durante a investigación non quedou "debidamente xustificada" a perpetración do delito por imprudencia que motivou a formación da causa.

No seu recurso, os feridos alegaron que, aínda que non existise normativa específica sobre a falta de coidado e mantemento, "o sentido común e normas xerais sobre mantemento de calquera propiedade, instalación ou construción son suficientes para entender que existiu unha imprudencia grave".

Sentenzas do TSXG

Tamén criticaban que non se valoraron nin se tiveron en conta as dúas sentenzas da Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) sobre o asunto, declaradas firmes polo Tribunal Supremo, que apuntaban á responsabilidade do Concello na falta de coidado e mantemento da estrutura de formigón.

Outra das vítimas alegou "falta de motivación" e "omisión de práctica de dilixencias de proba solicitadas polas partes" da resolución que arquivaba o caso. Por todo iso, agora a Audiencia reabriu o caso, a pesar de que a "gran maioría" dos afectados xa aceptaron a indemnización ofrecida polas compañías de seguros.