mércores 30/09/20

O BNG pide probas "masivas" na área da Coruña e esixe a comparecencia do conselleiro de Sanidade

Insta a Xunta a publicar os informes sobre a carga viral nas augas residuais coruñesas para coñecer a "radiografía" da pademia

A deputada do BNG Montse Prado (Imaxe: Nós Diario)
A deputada do BNG Montse Prado (Imaxe: Nós Diario)

O BNG instou a Xunta a realizar probas "masivas" na área sanitaria da Coruña ante o aumento de casos de coronavirus e esixiu a comparecencia do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, para informar dos novos focos na Galiza. 

Así o demandou a portavoz de Sanidade do BNG na Cámara galega, Montse Prado, quen tamén considerou necesario que o Goberno galego faga públicos os informes do proxecto de investigación que a empresa que depura as augas residuais urbanas da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros realiza xunto á Universidade da Coruña (UDC).

Este proxecto, segundo indicou, permite "detectar con antelación os brotes" ao determinar a carga viral aínda que se trate de persoas asintomáticas, polo que pediu que se faga público o seu contido para poder facer unha "radiografía" da situación da pandemia nesta zona.

Na súa intervención, a parlamentaria nacionalista advertiu de que xa son uns 40 os focos detectados na Galiza, tanto en áreas urbanas como rurais. "Ante esta situación o PP e a Xunta non poden seguir mantendo opacidade e falta de transparencia", asegurou.

Comparecencia

Por iso, sinalou que o Bloque Nacionalista Galego esixe a comparecencia do titular de Sanidade na Cámara galega para que dea conta de cuestións como se hai transmisión comunitaria do virus e cantas persoas están a realizar os rastrexos na Galiza.

"No BNG non damos por válido o dato de que a Xunta ten 6.000 rastreadores", sostivo Montse Prado, que puxo en cuestión que a Administración galegaa trate de computar a todo o persoal da Atención Primaria nesta cifra.

"É necesario que por parte da Xunta se explique como se están facendo os rastreos, os illamentos e como está a evolucionar a pandemia", manifestou a parlamentaria, que criticou que Feixoo vaia a comparecer esta cuarta feira para anunciar medidas que, na súa opinión, xa se deberían de tomar con anterioridade.

Por último, lembrou que unha das primeiras cuestións que pedirá a súa formación no Parlamento será a posta en marcha dunha comisión de investigación sobre o ocorrido nas residencias de maiores das Galiza.

O BNG pide probas "masivas" na área da Coruña e esixe a comparecencia do conselleiro de...
comentarios