A área da Coruña acada o seu pico de contaxios, con 81 novos casos nun día

As normas adoptadas pola Xunta para a Coruña limitan a 50% a capacidade de terrazas e locais de hostalaría. (Europa Press)
O "incremento brusco" de contaxios de coronavirus na Coruña e a súa contorna entre os días 6 e 8 foi un dos motivos que levou a Xunta a adoptar, o sábado pasado, restricións sociais e comerciais, aínda vixentes hoxe. Foron 125 novos casos en dous días, unha cifra que desde entón non deixou de incrementarse e sumou onte 81 positivos máis, o aumento máis importante desde que se detectou o foco.

A área sanitaria coruñesa acadaba onte, segundo os datos do Sergas, o seu máximo desde maio, 544 casos, que supoñen xa perto de 60% dos totais da Galiza. A propia Consellaría de Sanidade, na orde publicada no DOG na noite desta cuarta feira para manter durante un mínimo de sete días as limitacións nos nove concellos desta comarca, recoñece o incremento das taxas de infección e un "aumento de cadeas de transmisión interdependentes, cunha porcentaxe de casos orfos que indica que existe transmisión comunitaria, aínda que de intensidade descoñecida".

As medidas de contención afectan de forma especial ao sector da hostalaría, o suspender o lecer nocturno, así como as festas e verbenas, e limitar a actividade dos estabelecementos até a unha da madrugada (incluído o tempo de desaloxo), cun máximo de ocupación de 50% da capacidade, tanto nas terrazas como no interior. Non é, en calquera caso, o único ámbito afectado, posto que tamén supoñen o fechamento de centros de día e as limitacións nas visitas a residencias ou na capacidade dos locais comerciais. 

Recurso da hostalaría

Na mañá de onte, o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza facía público un auto co que denegaba a petición da asociación coruñesa de empresas da hostalaría de suspender de maneira cautelar, e con carácter urxente e "provisionalísimo", a orde sanitaria no relativo aos locais de ocio nocturno, co obxectivo de "atallar e evitar os prexuízos económicos" que a execución das medidas está causando nun colectivo "cuxos beneficios –alegaba a entidade no recurso– se nutren principalmente da recadación en épocas do ano como a estival, grazas ao turismo". 

Na resposta, o alto tribunal galego fai valer a "indubidábel preponderancia do interese xeral na protección da saúde pública", diante da "preocupante evolución do número de contaxios nos últimos días", e apoia a motivación das medidas, que é "o interese en evitar aglomeracións de persoas e de procurar que se cumpran as medidas de distanciamento e, en definitiva, de protexer a saúde pública facendo fronte aos surtos e as cadeas de transmisión existentes".

Mais as restricións para a Coruña e a súa área xa foran ratificadas xudicialmente con anterioridade, nun auto do pasado sábado, o mesmo día en que entraban en vigor. Emitiuno, a solicitude da Xunta, o xulgado de instrución coruñés que estaba de garda naquela data e non, como correspondería por competencia, un da xurisdición contenciosa-administrativa, en vista da "urxencia" por validalas de forma inaprazábel na mesma fin de semana. 

Á vista da documentación sanitaria remitida pola Xunta, a maxistrada que o dita considera xustificado e "prudente" ratificar as actuacións preventivas aplicadas, "visto o incremento de contaxios e a súa evolución".

Maiores de 75 anos

Para que as actuacións teñan efecto, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, apelaba esta semana á responsabilidade individual da poboación no cumprimento da normativa, mais tamén á acción "proactiva" das forzas de seguridade públicas, de titularidade municipal ou estatal.

Cos datos na man, a Xunta decidía hai 48 horas alongar até a semana que vén as limitacións na comarca da Coruña  mais desbotaba fechar a mobilidade nos concellos máis afectados. No entanto, a súa orde inclúe, xunto cunha pauta para locais comerciais dirixida a fixar horarios preferentes para maiores de 75 anos, unha "recomendación de autoprotección" para as persoas nesa franxa de idade ou especialmente vulnerábeis.

Pídeselles "que eviten na súa actividade diaria as saídas nas horas de previsíbel afluencia de persoas na vía pública e en espazos ou estabelecementos abertos ao público", a fin de reducir o risco de contaxio