Porno antes dos 12 anos: "Ante a falta de educación afectivo-sexual a rapazada aprende da pornografía"

Nin a escola nin a familia adoitan ser unha referencia na educación afectivo-sexual da rapazada. (Foto: Nós Diario)
Case a metade da poboación menor comeza a ver porno antes dos 12 anos. Falamos co profesor de Socioloxía da USC Jorge García Marín sobre o estudo que vén de presentar sobre o consumo cada vez máis temperán e pouco crítico de pornografía.

"A pornografía é un dos espazos máis claros onde se reproducen as violencias machistas e de xénero", unha realidade que está á orde do día e na que cómpre seguir afondando, tamén a través dos argumentos da industria do porno. Con esta premisa, investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) iniciaron un estudo para coñecer a percepción que ten da pornografía a poboación adolescente da Galiza.

Os seus achados confirmaron o que outras investigacións xa veñen apuntando: un consumo cada vez máis temperán e moi pouco crítico cos contidos. Hai estudos previos que sitúan entre os 8 e os 10 anos o primeiro contacto coa pornografía da poboación máis nova. Segundo os datos obtidos polo equipo investigador da USC, 48% do alumnado consultado viu porno por primeira vez antes dos 12.

A través do porno están a socializar identidades masculinas moi hexemónicas, tóxicas e dotadas dunha grande agresividade

"Falamos dunha idade na que aínda non teñen adquirida unha noción sobre o sexo e a sexualidade, na que ante a falta de educación afectivo-sexual aprenden a través do porno mainstream, de categorías e contidos moi apegados ao pracer masculino, á submisión da muller e á súa representación como obxecto", sinala Jorge García Marín, que é profesor de Socioloxía, membro do Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero da USC e un dos investigadores deste estudo sobre a percepción da pornografía entre a rapazada.

Tras organizar un grupo de discusión previo cunha mostra representativa de alumnado de 4º da ESO, achegaron un cuestionario fechado a máis de 1.500 adolescentes dunha trintena de institutos de entre 14 e 18 anos de idade.

Curiosidade e información

"Ven a pornografía como unha oportunidade de aprender sobre sexo. De feito, cando preguntamos polas motivacións que os levan a ver porno sinalan a curiosidade, a diversión e a información, ademais da propia satisfacción". Non ven ningún perigo neste consumo, advirte García Marín, "non observan nada negativo", insiste, cando en realidade están a "socializar identidades masculinas moi hexemónicas, tóxicas e dotadas dunha grande agresividade".

A rapazada non o percibe así. Cústalle identificar a violencia que a pornografía constrúe sobre as relacións sexuais e a erotización que fai desa violencia. Son as mozas quen antes e algo máis reparan nas "mulleres como obxectos da violencia masculina" e como "suxeitos pasivos e inferiores", se ben tanto entre eles coma elas destaca a indiferenza e o desacordo fronte a estas ideas.

É preciso traballar educativa e socialmente sobre este complexo temático, con vistas a unha educación afectivo-sexual que achande o camiño cara á igualdade

O persoal docente e investigador da USC encargado deste estudo detecta "un grave problema sociocultural", un tema tabú que non interesa tocar. "Deixamos que sexa o porno quen siga educando nun momento en que se multiplican os casos de violencia sexual", sobre todo entre menores de idade, un aumento que as autoridades comezan a relacionar tamén coa banalización da educación afectivo-sexual e o uso crecente do porno.

"E isto é preocupante porque aprenden a relacionarse sexualmente a través de buscas e contidos que moitas veces igualan o sexo ao sufrimento da muller, que exhiben choros, forza, saloucos e arcadas habitualmente baixo unha posición dominante do home". Desde esta lóxica, di,  están a aprender, moi novos, que calquera destas mostras, na vida real, non é un 'non' senón "unha proba de que se está a pasar ben".

A educación como contrapeso fronte á pornografía

A pornografía é xunto ao grupo de amigos e amigas a principal fonte de información afectivo- sexual para a poboación adolescente galega. Nin o profesorado nin a familia son unha referencia. Só 34% das rapazas e 21% dos rapaces di ter falado do tema na casa.

Nas escolas aínda menos. Non abordan a construción da sexualidade e das relacións afectivas do seu alumnado cando é algo que as atinxe e que debera ser transversal nas aulas, con módulos específicos sobre pornografía, asegura Jorge García Marín.

"Cómpre un contrapeso que lles diga que o que están vendo aí non se corresponde cunha sexualidade plena na vida real". "É preciso traballar educativa e socialmente sobre este complexo temático, con vistas a unha educación afectivo-sexual que achande o camiño cara á igualdade e á erradicación da violencia sexual contra as mulleres".