Contracultura

María Lameiras: "A muller non está sendo educada para considerar que ter unha parella non é o máis importante"

María Lameiras, catedrática, é a coordinadora xunto con Yolanda Rodríguez do libro 'Son unha nena. Sufrirei discriminacións e violencia sexual?' (Galaxia). Lameiras aborda as diferentes expresións da violencia e a discriminación, así como as consecuencias e a revitimización que estas supoñen xa que, como ela di, “interfire coa forma saudábel de desenvolver identidade e a autoestima”. 
María Lameiras coordinou o libro 'Son unha nena. Sufrirei discriminacións e violencia sexual?' (Galaxia) (Foto: Nós Diario).
photo_camera María Lameiras coordinou o libro 'Son unha nena. Sufrirei discriminacións e violencia sexual?', de Galaxia. (Foto: Nós Diario)

—Cal foi o proceso de selección dos ensaios que contén o libro?
Esta obra xurdiu da colaboración entre a Universidade de Vigo e a editorial Galaxia coa idea de facer unha colección de estudos feministas. Yolanda e eu pensamos que para este primeiro número podíamos abordar as cuestións relativas á discriminación e á violencia sexual e o que fixemos foi identificar traballos premiados pola Unidade de Igualdade que xiraran arredor destas cuestións ou ben por outras institucións como a Asociación Galega de Educadores e Educadoras Sociais.

Todos eles son traballos realizados polo noso alumnado e a idea é que haxa outros números nos que se aborden cuestións como poden ser a discriminación na arte ou a violencia nas redes sociais. 

—Faise fincapé en que estas violencias non son feitos illados, senón que forman un continuo ao longo da vida. De que formas de expresión da violencia falamos?
A experiencia das mulleres desde cativas implica que teñen máis probabilidades de sufrir violencias e discriminación por consideralas persoas destinadas a determinadas funcións como os coidados ou por darlle unha sobrevaloración á súa imaxe corporal. Aínda que é certo que os nenos tamén son vítimas de abusos sexuais na infancia, o 60% seguen a ser nenas. Isto despois transfórmase noutro tipo de violencias no ámbito sexual como o acoso levado a cabo por compañeiros, docentes, xefes, clientes...

O normal para unha muller é que xa vivira algunha destas experiencias desde nena e que iso non pare ao longo de toda a súa vida porque por desgraza haberá outras oportunidades para sufrir violencia. 

Entendemos o acoso cando é levado a cabo por persoas que non están vinculadas emocionalmente connosco, mais tamén é algo que se dá nas parellas, un fenómeno que nestes momentos está sendo moi estudado, mais que tamén é moi descoñecido. As propias parellas obxectivizan e cousifican o noso corpo con comentarios que en principio parecen piropos, mais non deixa de ser unha maneira de manter a muller no espazo do corpo, do valor que este ten.

Temos unha gran tolerancia cara isto e mesmo unha expectativa de que nos falen desa maneira porque consideramos que é unha mostra do interese e do valor que temos para eles. Iso vincúlase a que van amarnos e permanecer connosco. Obviamente, hai homes que están a desenvolver outro tipo de identidades afortunadamente: as novas masculinidades. 

—Ademais, hai que ter en conta as consecuencias que isto ten, por exemplo, en nenas que sufriron abusos sexuais e de adultas teñen unha maior vulnerabilidade.
É o que coñecemos como revitimización. A experiencia do abuso sexual interfire coa forma saudábel de desenvolver identidade e a autoestima. Sobre todo cando esas experiencias traumáticas non son axeitadamente dixeridas porque non hai unha revelación ou unha condena a quen comete estas agresións.

Cando falamos de intervir en casos de mulleres que sofren violencia de xénero, a cuestión non é só afastala do home que a está violentando, senón intervir para que a seguinte relación non reproduza o mesmo modelo. 

Este tipo de relacións funcionan como as máquinas comecartos: metes unha moeda e a maior parte das veces non vas recibir premio, mais algunha vez si, polo que se vive coa fantasía de que iso é posíbel, de que se pode repetir, aínda que no cotián o que haxa sexa violencia.

A muller aínda non está sendo educada para considerar que ter unha parella non é o máis importante que pode facer na vida. Quizais coa madurez somos conscientes de que non, mais nas adolescentes aínda vemos modelos de nadadoras con premios que deixan esta actividade de lado porque o corpo se “masculiniza”.

Comentarios