Rafaella nega ter obrigas sobre as presas de San Fins

Presas mineiras de San Fins. (Foto: Nós Diario)
Rafaella Resources sinala que a solicitude de verteduras en San Fins é segura e sustentábel, afirmación que contrasta cos informes de Augas da Galiza. Ademais, desenténdese das obrigas sobre as presas de residuos mineiros.

Rafaella Resources, un grupo de empresas acusado de operar en paraísos fiscais, adquiriu en xaneiro de 2022 Valoriza Minería -filial de Sacyr-, polo que pasou a xestionar as minas de San Fins.

Ambas empresas explicaron onte nun comunicado que traballarán “xuntas” para retomar a actividade “coas máximas garantías ambientais”, para o que precisan obter o permiso de verteduras.

Incoherencia cos informes de Augas da Galiza

Segundo as empresas, tense formulado “unha solución técnica segura e sustentábel”, feito que contrasta co informe de Augas da Galiza, do 20 de abril de 2021, que concluía “a necesidade de condicións de vertedura máis rigorosas para o cumprimento dos obxectivos ambientais”.

No informe técnico afírmase que no transcurso da proba piloto -na que se baseou o proxecto- non se cumprían cos parámetros ambientais e que, ademais, foi preciso realizar unha parada pola saturación do leito filtrante, factor que limita a operatividade do sistema, que tería que tratar auga de forma constante.

Alén diso, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, recoñecía hai semanas nunha nota de prensa que a explotación precisa de avaliación de impacto ambiental, da que carece a día de hoxe.

Desentendemento das obrigas coas presas

No comunicado as empresas refírense tamén a restauración das presas de metais pesados, afirmando que estas “non forman parte da mina”.

Un apuntamento que tamén difire con Augas da Galiza, que nun informe de abril de 2019 corrobora que “a xestión e a explotación das dúas presas, 1 e 2, era realizada pola empresa mineira” e que, polo tanto, o novo titular “se subroga de tódalas obrigas afectas á explotación mineira, resultando polo tanto responsábel da xestión e explotación mineira na actualidade”.