Rego alerta do estado das balsas da mina de San Finx e exixe arranxalas

Perigo ambiental pola presa de residuos mineiros de San Finx.
O deputado do BNG, Néstor Rego (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado do BNG, Néstor Rego (Foto: Nós Diario)

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou un lote de iniciativas na Cámara Baixa para que o Ministerio para a Transición Ecolóxica inclúa no inventario de balsas abandonadas as presas de residuos mineiros en Lousame do Grupo Mineiro San Finx.

Segundo argumentou Rego, o seu progresivo deterioro pode supor un grave risco ambiental. Ademais, solicitou coñecer o Plan de labores mineiros e o Informe do Instituto Xeolóxico e Mineiro e a súa avaliación do grao de conservación actual da presa.

O Grupo Mineiro San Finx está composto por 21 concesións de explotación mineira desde 1883 e prolongándose até 2066. A súa transmisión e vixencia contrasta cos períodos de inactividade e abandono, porén a Administración "nunca promoveu a caducidade dos dereitos", criticou Rego.

Desde 2015 a titularidade das concesións posúea Tungsten San Fix SL, da que é administradora única a súa matriz Valoriza Minería SL.

As presas construídas para a filtración das augas da mina foron incluídas nos plans de mantemento da Xunta até o ano 2000, cando a concesión da mina obtívoa unha filial de Florentino Pérez e alegaron que as presas “primeiro pertencían a un muíño e logo a unha central hidroeléctrica”, explicou.

Ante o abandono da presa, a formación nacionalista presentou a nivel municipal iniciativas para que se revisase o estado das balsas e se incluíse no inventario de balsas abandonadas de xestión estatal, alertando que coas fendeduras actuais e o seu progresivo deterioro, as augas contaminadas “acabarían por filtrar e poderían chegar polo río até a Ría de Muros-Noia, con grave impacto ambiental.

Por iso, o Bloque demanda ao Ministerio incluír as presas de residuos mineiros do Grupo en Lousame no inventario de balsas abandonadas. 

Comentarios