Queres saber de que informaba 'Sermos Galiza' no día da súa estrea hai 10 anos?

Capa de Sermos Galiza do 26 de abril de 2012, cando se publicou na rede.
Os recortes de Mariano Raxoi, o 'caso Urdangarin' e as medidas económicas do Goberno boliviano de Evo Morales protagonizaron o 'Sermos' do 26 de abril de 2012.

O 26 de abril de 2012 viu a luz na rede a edición dixital de Sermos Galiza, unhas semanas antes de que saíse do prelo o semanario. Co gallo do décimo aniversario daquel suceso rescatamos os contidos máis salientábeis dos publicados aquel día. A incomparecencia de Núñez Feixoo no Parlamento, os recortes do Goberno de Mariano Raxoi e o 'caso Urdangarin' centraban a actualidade aquel día.

Feixoo, o Caladiño

O grupo popular no Parlamento da Galiza impediu a comparecencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, para explicar as medidas de axuste e recortes adoptados polo Goberno español —daquela presidido por Mariano Raxoi— e os seus efectos na Galiza, no contexto da crise económica iniciada en 2008.

O estudantado, en pé de guerra contra os recortes

"O estudantado galego botarase ás rúas o vindeiro 10 de maio nunha folga con que pretenden que as súas queixas cheguen aos corredores de San Caetano". Así principiaba esta información que facía referencia a un paro convocado por Galiza Nova contra os recortes no ensino promulgados por Raxoi.

Manifestación estudantil.

Raxoi afía as tesoiras para os Orzamentos de 2013

Na mesma liña que nas dúas pezas anteriores, nesta noticia Sermos daba conta do proxecto de Orzamentos Xerais do Estado que naquela altura estaba a artellar o Executivo de Mariano Raxoi, que xa advertira de recortes "aínda máis duros" que no ano precedente.

Jorquera rexeita o pacto que o xenro do rei mendiga coa Fiscalía

Francisco Jorquera, entón portavoz do BNG no Congreso e candidato á Xunta da Galiza, opúñase de maneira taxativa a un acordo xudicial para o xenro do rei Xoán Carlos I, Iñaki Urdangarín, e demandaba que as investigacións proseguisen "salpiquen a quen salpicar".

Evo Morales: "En poucos anos veremos os beneficios desta nacionalización"

O daquela presidente de Bolivia, Evo Morales, gabábase do decreto que viña de asinar para completar a nacionalización da Rede Eléctrica Española no país andino. "En poucos anos veremos os beneficios desta operación", dixo.

Acto a prol da nacionalización en Bolivia.

O Correlingua arranca en Ourense coa paixón d@s máis nov@s polo galego

O Correlingua, de cuxa presentación para a edición de 2022 informou esta semana Nós Diario, organizábase naquelas datas. O alumnado de 4º da ESO do CPI de Pontecesures leu o manifesto desa edición tras gañar o correspondente concurso.