Queres mercar un pazo na Galiza? Eis os prezos dos 260 que están en venda

Este pazo en Nigrán é o máis caro da Galiza, cun prezo de 5,5 millóns de euros. (Foto: Europa Press)
No noso país hai catalogados uns 900 pazos.

Un total de 260 pazos atópanse actualmente en venda na Galiza, o que supón 60 máis que hai un ano, segundo un informe da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein), cunha variación no prezo que vai desde os 180.000 euros até os 5,5 millóns.

Así, Fegein sinala que na Galiza hai uns 900 pazos catalogados no Inventario Xeral de Patrimonio, dos cales algo menos dun terzo están en venda, a maior cifra desde que se computan datos.

Respecto diso, explica que moitos destes pazos non se anuncian, senón que están na carteira de clientes de consultores inmobiliarios ou despachos de avogados, sobre todo en Madrid. Formalizáronse máis dunha ducia de transaccións en 2021 e 2022, despois de non computarse ningunha en 2020.

Os máis buscados son os que están na zona da Ribeira Sacra e os da costa galega. Algúns dos exemplos de pazos que si están anunciados son un pazo en Baralla, cun prezo de 195.000 euros, e varios en Sanxenxo e Moraña, que alcanzan os 3 millóns de euros.

Fegein destaca que o pazo galego máis antigo está situado no municipio de Zas, e o "máis grande e impoñente" é o de Sober, cos seus 4.000 metros cadrados.

Axudas por ser BIC

O presidente de Fegein, Benito Iglesias, reclama axudas especiais para a conservación e mantemento destes inmóbeis, ao tratarse na súa maioría de Bens de Interese Cultural (BIC).

Esta entidade apunta que "os pazos BIC son un problema burocrático, fiscal e económico demasiado pesado para a maioría dos seus propietarios e sobre todo herdeiros, xa que moitas das súas titularidades xa están en segundas ou terceiras xeracións, coa dificultade a maiores que isto representa para a súa comercialización e rehabilitación" debido ao seu estado "deficiente".