RUBéN ARROXO, VOCEIRO MUNICIPAL DO BNG

"Existen alternativas ás grandes eléctricas"

Rubén Arroxo [Imaxe BNG de Lugo]

Conversamos con Rubén Arroxo sobre a iniciativa aprobada no pleno para que o concello contrate servizos eléctricos através de sistemas cooperativos. 

 

A partir dunha iniciativa impulsada polo grupo municipal do BNG de Lugo, o pleno do concello estudará a posibilidade de contratar os servizos eléctricos a sistemas cooperativos como Nosa Enerxía. Unha proposta, di o voceiro nacionalista, Rubén Arroxo, que fai parte dun "proxecto de cidade" que visa traer Lugo ao "século XXI" cun modelo "máis sustentábel" e "menos dependente de enerxías fóseis" e "importadas". 

A iniciativa está a colleitar "moi boa acollida" entre a veciñanza e outros grupos locais xa se interesaron por ela. 

Que é o que está a acontecer en Lugo? 
En Lugo dase unha situación complicada co pagamento das facturas por mor dun desmantelamento dos servizos electromecánicos do Concello que xa comezou no anterior mandato. 

"Endesa e Fenosa fixeron cortes en determinadas infraestruturas porque non se lles pagaron as facturas"

Servizos electromecánicos?
Si, abranguen todo o que ten a ver coa electricidade. Persoal funcionario que revisa as facturas, electricistas... Actualmente falta persoal. 

Hai cortes de luz?
Endesa e Fenosa fixeron cortes en determinadas infraestruturas porque non se lles pagaron as facturas en tempo e forma. Nós non xustificamos ese desmantelamento dos servizos mais entendemos que estas grandes empresas non poden usar a veciñanza como escudos humanos para defender os seus intereses. Diante disto e do debate que se abriu cremos conveniente dar a coñecer que existen alternativas como os sistemas cooperativos de enerxía. E entre eles, Nosa Enerxía

En que consiste a proposición que foi aprobada polo pleno?
Propón que o goberno estude a posibilidade de contratar estes sistemas para a contratación dos servizos eléctricos. De maneira parella desenvolvimos unha campaña social para informarmos a veciñanza. 

"As grandes eléctricas non poden usar a veciñanza como escudos humanos"

Como está a ser a acollida?
Moi boa. A xente non é coñecedora deste tipo de opcións. Hai un desencanto global coas eléctricas e vese esta posibilidade como unha opción de futuro, cando menos mentres a electricidade sexa privada. Aliás, Nosa Enerxía está a medrar aos poucos e xa desenvolve proxectos para a comercialización de bicicletas e vehículos eléctricos a prol dunha sociedade máis sustentábel. 

Como se desengancha unha persoa das eléctricas para coller a enerxía através destes outros sistemas?
Para un particular é sinxelo. Só tes que te facer socio e despois xa podes contrtar. Outra posibilidade é que te avale unha persoa que xa sexa socia. Porén, na Galiza a lexislación non permite que as administracións poidan facerse socias. Neste senso, polo que nos explicaron desde Rianxo [até o momento este é o único concello galego que contratos estes servizos através dunha cooperativa] foi o alcalde [Adolfo Muíños, BNG] o que se fixo socio e avalou o concello para que puidese contratar. 
En Catalunya é todo máis doado porque a lexislación permite que as institucións poidan facerse socias e, ademais, as cooperativas teñen un formato especial para institucións. 

"Na Galiza a lexislación non permite que as administracións poidan facerse socias destas cooperativas, en Catalunya si"

De onde sae esa enerxía?
Trátase dunha comercializadora que merca ás produtoras mais cuxa enerxía conta cun selo verde que garante o carácter renovábel da enerxía. É curioso un dado que nos daban desde Nosa Enerxía no encontro que mantivemos coa veciñanza e é que só con placas solares postas nas cubertas das naves industriais que hai na Galiza poderiamos producir enerxía para todo o país. Isto evidencia a nosa potencialidade en materia enerxética. 

O Parlamento vén de admitir a trámite a ILP impulsada pola CIG na que, entre outras cuestións, reclaman unha tarifa eléctrica para Galiza.
Esta campaña que estamos a desenvolver en Lugo a nivel municipal ligámola en todo momento á tarifa eléctrica. Galiza é produtora de enerxía e ten que beneficiarse diso. Aliás, hai días que debatemos en Lugo esa ILP a instancias do BNG e foi aprobara. Ora ben, co voto en contra do Partido Popular. Aledámonos que agora decidise apoiala no Parlamento. 

"Queremos un Lugo do século XXI, máis sustentábel e menos dependente"

Na túa intervención no pleno amosaches a fotografía de Aznar... 
Comecei ensinando a José María Aznar, mais tamén a Felipe Gonzále, Elena Salgado, Miguel Ángel Acebes... todos eles son exemplos de responsábeis políticos que remataron nos consellos de administración ou asesorando grandes empresas eléctricas. Un bon exemplo do que supoñen as portas xiratorias, como tamén estamos a ver no caso de Ence. Eis o negocio real e contra iso queremos loitar. 

Fai parte esta iniciativa dun proxecto de cidade?
Desde o BNG presentámonos ás eleccións cunha idea clara e é que queremos un Lugo do século XXI. Nese senso estamos a presentar esta e outras iniciativas a prol dunha cidade máis sustentábel e menos dependente de enerxías fóseis e importadas, mais tamén cun modelo de mobilidade baseado nas persoas e con outros modelos enerxéticos.