Rachar cos oligopolios eléctricos desde o ámbito municipal

Rianxo tornouse no primeiro concello en contratar servizos con Nosa Enerxía, unha cooperativa para o consumo e produción de enerxía renovábel. En Lugo, o BNG pula porque o goberno local se sume a estas estruturas sociais.

 

Galiza exporta por volta do 40% da enerxía que produce, porén o 18% da poboación atópase con dificultades para facer fronte ao seu pagamento ou mesmo padece cortes por mor da falta de recursos económicos. No concreto estímanse en 180 mil os fogares galegos atinxidos por esta situación. Así o explicaba a Confederación Intersindical Galega (CIG) esta terza feira (26 de xaneiro) en sesión parlamentar nunha xornada en que a Cámara galega apoiou por unanimidade tomar en consideración a ILP coa que a central nacionalista defendeu unha tarifa eléctrica galega

Coa proposta a CIG, xunto con 18 mil asinantes individuais, 50 concellos e 3 Deputacións provinciais reclaman que a enerxía, un sector estratéxico para Galiza se torne nun servizo público. 

Neste senso, entre as medidas que contempla atópase o apoio ás enerxías renovábeis e o autoconsumo. Unha iniciativa que algúns concellos nacionalistas do país xa están a desenvolver através de estruturas cooperativas creadas nos últimos anos na Galiza como Nosa Enerxía.  

Rianxo suministra enerxía ás escolas vellas de Asados através da cooperativa Nosa Enerxía

Eis o caso de Rianxo que se tornou a finais do pasado ano no primeiro municipio en asinar un contrato de electricidade con este colectivo que pula polo consumo de "enerxía verde" --renovábel-- e a "soberanía enerxética", explicaba en conversa con Sermos Galiza hai un ano un dos seus promotores, Pablo Álvarez. Isto é, Nosa Enerxía é unha "cooperativa galega que ten por obxecto a comercialización de enerxía eléctrica de orixe renovable certificada, apostando na sustentabilidade enerxética e por unha xestión transparente".

Os beneficios obtidos pola cooperativa son destinados á "formación no uso racional da enerxía" e "a posta en valor do medio rural e natural", explican. Aliás, o seu obxectivo é, "cando dispoñamos de suficiente capacidade económica", promover "proxectos de xeración de enerxía renovable, coa finalidade de producir o 100% da enerxía que precisemos". Así, através dunha área de xeración traballan no estudo de viabilidade desta idea e nos modelos para a súa execución. 

Baixo estas premisas o goberno de Rianxo asinou un contrato coa cooperativa através do que suministrará a enerxía das vellas escolas de Asados, actualmente destinadas para usos sociais. O alcalde, Adolfo Muíños (BNG) salientou no acto de sinatura o feito de que Nosa Enerxía visa "rachar co monopolio das grandes empresas enerxéticas do país" através da aposta na compra directa das persoas asociadas o que sitúa as necesidades básicas por diante dos intereses empresariais. 


Fronte á "presión" das eléctricas 

Após a adhesión de Rianxo, desde o grupo municipal do BNG de Lugo defenderon que tamén o goberno local --en mans do PSOE-- se sume á compra de enerxía através de estruturas cooperativas. Unha idea que están a socializar entre a veciñanza através de charlas informativas. 

Rubén Arroxo (BNG-Lugo): "A enerxía ten que ser un servizo universal e non un oligopolio ao servizo duns poucos"

O detonante para iniciar esta aposta foron os cortes de luz que Endesa e Gas Natural Fenosa levaron a cabo en diversas instalacións municipais por impagamentos. Os retrasos débense segundo o goberno á falta de persoal e non de recursos económicos, porén, desde o BNG denuncian que se poderían estar a empregar "as veciñas e veciños como escudos humanos" para "presionar" a administración. Así, urxen a revisar se a contía reclamada "se corresponde co gastado en realidade". Nalgúns casos a factura ascende a máis dun millón de euros por un ano. 

“A nivel municipal pódese facer unha revolución do modelo eléctrico”, asegurou o voceiro municipal do Bloque, Rubén Arroxo quen reclamou información sobre "como, cando e a quen se lle entregan" os "máis  de 5 millóns de euros" de o Concello de Lugo prevé gastar en enerxía este ano (2016). 

Neste senso, instan a que sexan contratados servizos con cooperativas como Nosa Enerxía, que levan tempo funcionando xa en Catalunya ou Euskal Herria. “Para nós a enerxía ten que ser un servizo universal e non o actual modelo electríco que está plantexado como un auténtico oligopolio para beneficiar a uns poucos”, sentencian.