Xustiza

Quen son os maxistrados que están detrás da sentenza favorábel a Ence?

Factoría de Ence na ría de Pontevedra. (Foto: Xaquín Soliño)

A sala quinta do contencioso administrativo do Tribunal Supremo (TS) aceptou o pasado 7 de febreiro o recurso de Ence contra a sentenza da Audiencia Nacional de 16 de xullo de 2021, que declaraba nula a prórroga concedida á pasteira en 2016 polo Goberno español en funcións de Mariano Raxoi para se manter na ría de Pontevedra até 2073 e consideraba ilegal o seu emprazamento.

O Tribunal Supremo recoñece que a sentenza a favor de Ence obriga  ao alto tribunal a  “revisar a doutrina que estabelecemos na nosa sentenza do 20 de decembro de 2021” e por conseguinte mudar a xurisprudencia previamente fixada. Neste liña, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, cuestiona a resolución xudicial e confirma a vontade de “seguir loitando para sacar a pasteira da ría de Pontevedra”.

Carlos Lesmes

A resolución non contou co apoio dos cinco membros do tribunal. Segundo puido saber Nós Diario, a sentenza tivo o apoio dos tres membros conservadores da sala do contencioso administrativo, presidida por Carlos Lesmes, antigo presidente do TS e do Consello Xeral do Poder Xudicial e director xeral de Relacións coa Administración de Xustiza no Goberno de José María Aznar.

O relator da sentenza foi outro destacado maxistrado da maioría conservadora, Wenceslao Olea Godoy. Olea Godoy está considerado como un dos más duros xuíces do sector conservador e próximo, ideoloxicamente, a Vox.

Nesta mesma dirección, atópase outra maxistrada conservadora aliñada coas teses de Ence, Inés Huerta, coñecida polas súas polémicas resolucións en contra do nacionalismo catalán. A xuíza progresista, Ángeles Huet de Sande, presentou un voto particular contra a sentenza, onde considera non axustada a dereito a prorroga concedida a Ence.

Un voto particular en contra

Nesta liña, Huet de Sande afirma que “non pode esquecerse que a prórroga extraordinaria da que aquí se trata, que [...] afecta usos incompatíbeis co dominio público marítimo-terrestre, ten unha duración de até 75 anos que se superpoñen aos 30 anos que derivan do réxime transitorio da Lei de Costas de 1988".

Huet de Sande refírese na súa resolución “á incidencia que na regulación legal da prórroga extraordinaria que analizamos poida ter a Directiva de servizos á luz doutrina que deriva da xurisprudencia do TXUE”.

Precisamente, esta disposición normativa é a base do procedemento sancionador aberto pola Comisión Europea ao Estado español, onde recolle que “a posibilidade de prorrogar as concesións existentes por un período de até 75 anos sen xustificación é contraria ás normas da UE”.