Por que a temperatura do Cantábrico é máis elevada que a do Atlántico?

Ondas no mar Cantábrico (Foto: Europa Press).
A diversidade e a cantidade de especies que nos atopamos nos mares e océanos está directamente relacionada coa temperatura da auga.

Galiza é coñecida por ser un gran pobo pesqueiro debido en certa medida á gran cantidade de especies que abundan nas súas augas máis superficiais.

A diversidade e a cantidade de especies que nos atopamos nos mares e océanos está directamente relacionada coa temperatura da auga. Concretamente, as zonas de afloramento de augas frías son fonte de nutrientes polo seu alto contido en plancto debido a unha alta concentración de minerais.

Pola contra, as augas con temperaturas máis elevadas son pobres en plancto e, polo tanto, adoitan concentrar unha menor cantidade de animais.

En canto á Península Ibérica, hai tres mares e dous deles teñen grandes contrastes de temperatura: o Mar Mediterráneo e o Océano Atlántico. En 2022, segundo ‘Puertos del Estado’, a temperatura do Mar Mediterráneo acadou os 31 graos.

Mentres que o Océano Atlántico na costa galega adoita atoparse de media máis frío: no mes de agosto do 2022 a temperatura roldou os 19 grados. A pesar de que é moito máis pequena, ao igual que se dá unha diferencia de temperatura entre o Mediterráneo e o Atlántico, tamén sucede co Atlántico e o Cantábrico.

O Mar Cantábrico é popularmente coñecido como un mar máis agradábel para o baño que o Océano Atlántico. Segundo os datos proporcionados pola rede de puntos satélite Sentinel de ‘Puertos del Estado’, durante o ano 2022 as augas ao carón da Mariña lucense superaron os 19 graos; no caso da costa da comarca da Coruña as augas roldaron os 18 grados de media igual que nas Rías Baixas.

Estes datos abalan que, aínda que por pouco, as augas mariñas resultan máis agradábeis ao baño. Pola contra, hai máis probabilidades de contar cun ceo despexado e altas temperaturas na costa atlántica que na costa cantábrica.

A nivel ibérico, a diferenza de temperaturas entre o mar Mediterráneo e o océano Atlántico débese ao fenómeno de afloramento que sucede en toda a costa galega. O fenómeno de afloramento é un proceso que se dá a nivel global en distintas partes do mundo e está relacionado directamente co vento. No caso da Península Ibérica, este proceso só sucede na costa galega. Isto, como xa dixemos, repercute na vida mariña a cal encontra na nosa costa un hábitat excepcional para vivir e reproducirse.

O fenómeno de afloramento galego prodúcese durante a época estival, cando predominan os ventos do norte paralelos á costa e desprazan as augas superficiais cara ao oeste no hemisferio norte e cara ao leste no hemisferio sur.

A diferenza de temperaturas radica na circulación das augas. O océano Atlántico Norte está influenciado pola corrente cálida do Golfo, o que causa que na costa norte de España se dean temperaturas medias máis altas nas zonas costeiras.

A pesar de que o seu efecto vaise mitigando segundo nos distanciamos do golfo de Viscaia, a influencia segue sendo o suficientemente forte como para elevar un pouco a temperatura na costa mariñá.