venres 24/09/21

O Atlántico Norte fica sen alimento para os peixes

Son un elo esencial da cadea alimentaria nos mares fríos, do que dependen numerosas especies mariñas. O quecemento das augas e a incapacidade de adaptación reduciron drasticamente a presenza no Atlántico Norte do krill, un crustáceo que, ademais, xoga un papel fundamental para o control da cantidade de CO2 que se emite á atmosfera.
krill_Sophie Webb-NOAA
Malia o seu diminuto tamaño, do krill depende a supervivencia de moitas especies. (Foto: Sophie Webb / NOAA)

O Gran Dicionario Xerais da Lingua define o krill ─palabra de orixe norueguesa─ como o "conxunto de crustáceos planctónicos que viven en grandes concentracións nas augas frías e que son o principal alimento de moitos peixes e cetáceos". Similares aos camaróns, están considerados un elo esencial na cadea alimentaria, ese sistema onde uns animais comemos os outros permitindo o mantemento da biodiversidade do Planeta. Permitindo que haxa vida e que se manteña no tempo. 

Dentro desta cadea, o krill aliméntase principalmente de fitoplancto (microorganismos que habitan os océanos) e é á súa vez alimento fundamental de peixes e luras, de pingüíns, ou de mamíferos como focas ou baleas. O equilibrio biolóxico nos mares fríos, como os océanos Ártico e Antártico, depende do benestar deste organismo. E de rebote, tamén afecta á estadía humana no Planeta tal e como a coñecemos até agora.

A revista Communications Biology, editada por Nature, publica esta semana un estudo centrado no Atlántico Norte, onde viven moitas das especies de peixes ─cada vez máis escasos en número─ que se alimentan do krill, incluídos os que son capturados para o consumo humano. 

Segundo os datos achegados por un equipo de investigadores británicos e franceses, a cantidade destes crustáceos descendeu en 50% nas últimas seis décadas.

"Atlantificación"

O intenso declive está asociado co quecemento das augas, que rexistrou un agudo aumento das temperaturas a partir da metade da década de 1990. A maioría das especies o que fan é trasladarse cara ao norte á procura de augas máis frías. Porén, tamén o Ártico está a sufrir un rápido proceso de "Atlantificación", é dicir, de quecemento das súas augas en detrimento do ecosistema propio.

Se ben algunhas especies son quen de migrar e adaptarse, non é o caso do krill, segundo o estudo liderado por Martin Edwards, do Laboratorio Mariño de Plymouth, e no que tamén participaron a francesa Unidade Biolóxica de Organismos e Ecosistemas Acuáticos ou a Asociación Escocesa das Ciencias Mariñas, con sede en Oban. De feito, é o primeiro que refuta a idea de que todas as especies son capaces de atopar o camiño cara a hábitats máis propicios.

"Tampouco sabemos de todo as ramificacións ecolóxicas deste declive dramático do krill, mais posibelmente tivo xa consecuencias serias para o resto da rede trófica mariña [quen come a quen no mar] e terá implicacións importantes para a pesca no Atlántico Norte", sinalou Edwards.

Gardiáns atmosféricos

A desaparición do krill non só ameaza a supervivencia de especies mariñas, tamén é un actor chave no teatro biolóxico para conter a cantidade de dióxido de carbono (CO2) emitido á atmosfera; un gas de efecto invernadoiro que axuda á súa vez ao quecemento global do Planeta. 

As algas microscópicas que constitúen o fitoplancto absorben o CO2 disolto na auga en contacto coa atmosfera e procésano mediante a fotosíntese ─como calquera planta terrestre─. Boa parte deste CO2 regresa de novo á superficie expulsado polas propias algas a través da respiración ─como calquera ser vivo─. Aí é onde entra o krill, alimentándose desas partículas ricas en CO2 que consome preto da superficie e excretándoo cando se somerxe a augas máis profundas e máis frías.

A desaparición do krill rexistrada por este e outros estudos,  debido ao quecemento global ─e outras causas como a súa pesca intensiva─, impide o proceso. 

E súmase a outro problema: a capacidade de absorción de CO2 que teñen os océanos xa está saturada polo aumento de emisións nas últimas décadas debido á acción do ser humano, intensificando así o quecemento global nun círculo vicioso e letal para a vida.

comentarios