Que supón o último 'catastrazo' para a Galiza?

Vivenda abandonada no lugar da Poxa, parroquia de Chouzán no concello de Carballedo. (Foto: Jglamela).
Poboación do rural denuncia o descoñecemento do terreo e do territorio galegos por parte das Administracións 

Son moitos os factores que influencian o prezo e valor das vivendas no sector inmobiliario; o seu tamaño, a calidade dos materiais de construción, a súa localización ou o estado do interior da vivenda. 

O maior dos problemas coas novas mudanzas no valor de referencia dos inmóbeis (o coñecido como 'catastrazo') por parte do Ministerio de Facenda e Función Pública, reside en que, o valor real das vivendas parece non respectarse. 

O valor que agora outorga o Ministerio, denuncian varios expertos, está inflado e moitas persoas propietarias pasarán a pagar unha factura fiscal moito máis grande do que as anteriores. Nas zonas rurais da Galiza isto afecta de maneira un tanto diferente que no resto do Estado. Este novo 'catastrazo', xustifica o Goberno español, vén dado porque "existía gran parte da superficie do territorio sen incorporar ao Catastro Inmobiliario". O problema radica nunha cuestión de fondo, desde o Ministerio de Facenda, considérase boa parte do solo rural galego como "zona urbana", algo que, segundo denuncia certa veciñanza supón un "descoñecemento total" do territorio por parte da administración estatal. 

Unha pregunta efectuada polo deputado do BNG no Congreso español, Néstor Rego, pretendía obter información acerca deste novo valor referencial. A resposta do Executivo presidido por Sánchez evidencia as denuncias de descoñecemento da veciñanza das zonas afectadas. "Gran parte da superficie referida localízase en núcleos rurais, sobre os que, ao ser solo de natureza urbana, debían realizarse con posterioridade os Procedementos Simplificados de Valoración". 

Un problema que xera a Administración

Segundo o anterior proceso de Regularización Catastral (2013-2016), o que se pretendía coas modificacións era "mellorar a loita contra a fraude fiscal que supón a falta de incorporación ao catastro de bens inmóbeis e das súas alteracións físicas". Non obstante, esta incorporación ao catastro pode supor un problema cando se descoñece o territorio, así o denuncia Rosa Ana Prieto, concelleira do BNG en Ferreira de Pantón que salienta que "un Plan de Urbanismo ben feito, e realizado desde aquí podería recoñecer realidades, nomeadamente no rural que non contempla a lexislación estatal que nos aplican. "Non deixa de ser un problema creado polas administracións que nos repercute aos administrados", apunta Prieto.

"En moitas ocasións, tómanse imaxes aéreas, e a Administración xa ten cometido erros como confundir un silo cunha vivenda residencial", engade a concelleira. Isto, denuncia Prieto, é un caso máis do descoñecemento do país por parte do Goberno estatal xa que "non teñen en conta a distribución galega. 

O 'catastrazo' iguala unha casa no ámbito urbano a unha casa no ámbito rural, cando no rural non existen servizos como traída de auga municipal ou veciñal".

Prieto reclama acabar dunha vez por todas coas continuas 'revisións' que utilizan para elevar os valores e imputar aos suxeitos pasivos os eres históricos dun organismo que nunca tivo en conta nin as peculiaridades dos núcleos galegos, nin as deficiencias, nin o dereito consuetudinario galego, o que leva sempre a pagar e, lonxe de arranxar a situación, emprega medidas coercitivas que obrigan ao pagamento ao titular catastral sexa cal for a realidade".