Que está a ocorrer no Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal?

Unha das salas do Museo Valle-Inclán. (Foto: Xunta da Galiza)
O uso dunha das salas de exposición para unha mostra fotográfica de alumnado do concello está a espertar todo tipo de reaccións adversas.

O museo dedicado á vida e obra de Ramón María del Valle-Inclán situado na Pobra do Caramiñal está a ser o centro da polémica nos últimos días entre as distintas formacións políticas do concello.

A decisión da edil de Cultura da Pobra, a socialista Patricia Lojo, de empregar unha sala de exposicións do centro museístico para instalar nela unha exposición fotográfica dun grupo de alumnos e alumnas espertou as críticas da oposición, encabezada polo PP, que acusa o Goberno local de facer un "uso inadecuado e posibelmente ilegal" do museo.

Segundo explican os populares, varias obras que estaban expostas nesta sala, elaboradas por Domingo Regueira, atópanse agora apoiadas nos corredoiros do edificio. Alertan que, "de maneira fortuíta, poden ser danadas por calquera persoa que pase polo seu lado".

Pola súa parte, o alcalde da Pobra, Xosé Lois Piñeiro, apoiou a súa edil de Cultura, e asegurou que non tomará ningún tipo de medida contra ela. "O obxectivo non era outro que atraer os mozos, para que se animaran a coñecer o museo, pero este non vai perder o seu obxectivo principal, que é pór en valor a figura de Valle-Inclán".

Uso "sen criterio profesional" do museo

O museólogo Felipe-Senén critica o uso "sen criterio profesional" do museo, agravado pola ausencia do director do Valle-Inclán, Antonio González Millán, por unha baixa médica.

Neste sentido, Senén lamenta que "non se consulte, se ignore o plan museográfico, os compromisos, para, aproveitándose da súa eventual ausencia, desde os poderes públicos municipais, se desmonte o montado con criterio e se instale algo que non encaixa cos fins, nin co criterio profesional, nin cos seus fondos ou que ben puidera ter sitio máis axeitado noutros espazos".

"Non é novo o problema nesta Galiza nosa, onde desde os poderes públicos, edulcorados na adulación, son capaces de exercer certa tiranía, tinxida de 'democrática', e prolongan a súa parva ilustración ao territorio público", subliña o museólogo, "mesmo aproveitando os momentos baixos dos profesionais".

O experto recoñece o labor do director do museo, que "vixía e procura canto pode enriquecer este centro, atrae e implica á familia Valle-Inclán, adquire, faise con legados para incorporalos a un proxecto museográfico coherente e niso sigue, pese ás pedras do camiño".