'O que non arde' estende o éxito do 'modelo Ribadeo' para a prevención de incendios forestais

Gando cabalar pace en terreos da comunidade de montes de Abadín.
O programa de prevención de incendios 'O que non arde', impulsado pola área de Medio Rural da Deputación de Lugo, nace en 2020, un ano após a estrea da película de Óliver Laxe O que arde, unha fita que repara no monte, nas comunidades locais e no lume. Favorecer as mellores condicións na contorna fronte ao fogo e a prol dun aproveitamento activo do medio é o obxectivo do plan que lle dá a volta á película.

Após unha primeira convocatoria dirixida aos Concellos, 'O que non arde' vén de facer balance da súa segunda edición, enfocada ás e aos propietarios de montes veciñais en man común. O programa de prevención de incendios forestais da Deputación de Lugo contou coa participación de 25 entidades dos municipios de Abadín, Castroverde, Friol, Mondoñedo, O Valadoruo, Ourol, Sarria, Viveiro e Xove, que completaron a limpeza de máis de 300 hectáreas de monte privado.

"Estamos moi contentas coa resposta das Administracións locais e dos propietarios privados", asegura a Nós Diario a deputada de Medio Rural Mónica Freire, polo traballo de prevención sobre o terreo que veñen desenvolvendo nas faixas secundarias de xestión de biomasa mais tamén polo avance que supón o seu exemplo en materia de "pedagoxía", di.

Modelo Ribadeo

A posta en marcha do plan 'O que non arde' partiu da idea de levar a todas as comarcas de Lugo os logros do 'modelo Ribadeo', unha iniciativa local que entre 2016 e 2017 asumiu o cumprimento da normativa en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais na contorna dos núcleos de poboación segundo o fixado na lei do ano 2007.

Nese momento o Concello mariñao comezou a enviar comunicacións aos propietarios informando da obriga de manter limpas as faixas secundarias de protección, coas consecuencias administrativas que iso supuxo para quen se negou, lembra Freire. "Foi un acto de valentía por parte do Concello para garantir a seguridade da veciñanza e da contorna". De primeiras desencadeou certas reticencias, mais grazas a esa iniciativa xa é un labor asumido pola maioría da cidadanía, conclúe.

Diversificar o monte para mantelo activo

Co fin de estender a experiencia e os éxitos do 'modelo Ribadeo' máis aló da Mariña, a Deputación de Lugo abriu en 2020 unha liña de axudas dirixida aos Concellos, obrigados desde 2018, por mandato da Xunta, a asumir as competencias de vixilancia sobre o cumprimento da lei de prevención de incendios.

De 67 entidades locais, 13 pediron acollerse ao programa aínda que só tres cumpriron as condicións e puideron beneficiarse das axudas para o fomento da prevención de fogos mediante a roza de masas forestais nas faixas secundarias de biomasa e nos laterais das redes viarias municipais, así como o mantemento desas áreas coa plantación de especies arbóreas permitidas. 

A convocatoria de 2021 incorporou novas liñas de axuda. Mudou de destinatario para avanzar na "multifuncionalidade do monte". "Centramos o programa no pastoreo preventivo -tamén na elaboración de plans de aproveitamento silvopastoril- para manter libres de maleza as zonas de cortalumes e os terreos contiguos de protección", explica Mónica Freire, unha actividade que ademais de incentivar a superficie agraria útil facilita a recuperación de terreos abandonados. Desta forma, di, aléntase o uso produtivo do monte ligado aos usos tradicionais da gandaría extensiva ao tempo que se preveñen 
os incendios.

Gandeiros e gandeiras, albo da terceira edición

"Ese axioma de que os incendios se apagan en inverno é certo. A prevención é esencial para que, se os hai, se dean nas condicións máis favorábeis, sen riscos nin danos como tivemos este ano", afirma a deputada de Medio Rural.

A prevención ten que ser unha prioridade das políticas públicas xunto á ordenación do territorio e a promoción dun monte multifuncional que achegue ingresos a quen o traballa, di. Neste sentido, a Deputación de Lugo está a piques de fechar as condicións da terceira edición do plan 'O que non arde', destinada a gandeiros e gandeiras en extensivo de ovino, cabrún e porcino. Buscan, din, ampliar e diversificar os traballos de prevención pero sobre todo mellorar o aproveitamento do monte. Nas comarcas do sur e do norte, onde é máis difícil ver arder.

"A Mariña non arde facilmente porque, primeiro, ten un clima diferente. Pero aquí o monte non arde porque produce. Temos moitas plantacións de eucaliptos, tamén de piñeiro, pero hai moita gandaría, sobre todo na zona occidental e central. Iso é o que queremos primar, porque a continuidade desa actividade repercute na fixación de poboación no rural", garante á súa vez dun monte activo.

 "Cun orzamento de 60.00 euros anuais chegamos a onde podemos. Sen dúbida, a Administración con máis recursos e as competencias para actuar neste sentido, se tivese a vontade, é a Consellaría de Medio Rural", conclúe Mónica Freire.