Rueda recoñece erros na política da Xunta contra os incendios

O presidente da Xunta da Galiza vén de avanzar mudanzas na política contra o lume. Neste sentido defende un cambio nas tarefas das brigadas contra os incendios e aposta por mellorar os traballos de prevención.

Alfonso Rueda nunha rolda de prensa após o Consello da Xunta. (Foto: Europa Press)
photo_camera Alfonso Rueda nunha rolda de prensa após un Consello da Xunta en xuño. (Foto: Europa Press).

O presidente galego, Alfonso Rueda, defende un novo modelo de brigadas forestais que non se centren unicamente na extinción das chamas cando se producen, senón tamén en labores de prevención, e que poidan traballar durante máis meses ao ano, non só nas épocas de maior risco.

As declaracións do xefe do Executivo galego representan un emenda á totalidade da política da Xunta da Galiza durante a última década. Neste sentido, o mandatario galego ábrese agora a aceptar as propostas das forzas da oposición, que lle viñan reclamando nos últimos anos a profesionalización  do servizo de extinción de incendios.

Rueda admitiu que “este non está sendo” un ano bo en materia de incendios, sinalando que tivo que enfrontar “unha primeira vaga de incendios propiciada por tormentas e temperaturas extremas” e “unha segunda vaga de lumes tras a que técnicos e autoridades locais e autonómicas ven intencionalidade”.

O mandatario galego defendeu que a alternativa aos lumes pasa por unha  maior profesionalización das brigadas e ampliar o labor dos seus integrantes a todo o ano Nesta dirección, afirmou que “o modelo do futuro” da Xunta “irá por aí”, se ben matizou que “isto non se fai dun ano para outro”.

Unha nova política contra o lume

O presidente da Xunta  apostou por articulación de brigadas “multitarefas” que traballen “cada vez máis tempo”. Asemade, sinalou que unha parte do seu traballo debe dedicarse a labores de prevención, antes de que comeza a tempada de riscos polos lumes.

O dirixente dos populares galegos reclamou medidas estruturais para combater os incendios, significando, entre as mesmas, a limpeza dos predios e a Lei de recuperación de terras, como instrumento para integrar no Bantegal a terreos abandonados ou sen propietario coñecido.

Rueda anunciou “pasos importantes” co fin de mellorar a loita contra os incendios cando “pase a tempada máis dura dos lumes”. “A miña intención é, a partir do último trimestre do ano, empezar a falar e falar con todo o mundo. E espero que todos esteamos á altura, non só o Goberno da Xunta, senón o resto de partidos políticos, os sindicatos na parte que corresponde ao traballo das brigadas, e o resto de administracións”, aseverou.

O mandatario galego sumouse á tese da Fiscalía sobre a causa dos lumes. Así, significou que “se por terrorismo falamos de tramas organizadas dun territorio xeográfico moi amplo que actúan de xeito coordinado, a Fiscalía dixo reiteradamente que non existen”.

Comentarios