"Que ninguén fique na casa": máis de 130 organizacións chaman a acudir á manifestación por Palestina do 5 de outubro
Os convocantes da mobilización (domingo, 12 horas, Compostela) piden unha asistencia masiva "para encher a praza do Obradoiro". Entre as demandas, o cesar o fogo inmediato e retirada do Exército israelí de Gaza e que a Xunta cancele os seus acordos con Israel.
“Por favor, que ninguén fique na casa, o importante é vir á manifestación e dicir abonda xa! Ao que Israel está a facer en Gaza”. O palestino Sami Ashour instaba esta terza feira, na rolda de prensa para presentar a mobilización deste domingo 5 de outubro, a que toda aquela persoa que puidese acudise a esta mobilización. “O pobo palestino precisa da solidariedade da sociedade galega”, apuntou.
Ánxela Gippini, da Coordinadora galega de solidariedade con Palestina, explicou que a manifestación convocábase co gallo do segundo aniversario do inicio do xenocidio en Gaza e para denunciar tanto estes crimes contra a humanidade coma os “77 anos de ocupación”.
Máis de 130 organizacións , colectivos e asociacións apoian esta manifestación, dixo Gippini, que indicou que ao longo destes dous anos na Galiza decorreron máis de 1.100 convocatorias de solidariedade co pobo palestino. “Esta é unha manifestación unitaria, aberta”, dixo, “na que a sociedade galega volve mobilizarse por Palestina.
Óscar Valadares, tamén portavoz da Coordinadora, lembrou que Israel leva décadas practicando “a ocupación e o apartheid”, nunha “política de exterminio do pobo palestino”. A táboa reivindicativa da mobilización do domingo demanda, informou, un cesamento do fogo inmediato coa retirada das tropas israelís e a apertura dos corredores humanitarios.
Mais non fican aí as peticións. Solicítase unha investigación dos crimes contra a humanidade que Israel comete en Gaza, para alén de defender o dereito de autodeterminación do pobo palestino e o dereito ao retorno dos refuxiados.
"Que a Xunta cancele os acordos con Israel"
Ademais, condénase a “complicidade” da Unión Europea co xenocidio, ínstase o Estado español a “que faga na práctica a súa retórica de condena a Israel” e exixen a Xunta da Galiza que “se deixe de pór de perfil e que cancele os acordos que ten con Israel”.
Sami Ashour principiou a súa intervención agradecendo a solidariedade amosada durante estes dous anos polo pobo galego con Palestina. “Todas as palabras son poucas”, dixo, para incidir en que solidarizarse con Palestina “non é unha cuestión de dereita e esquerda, é unha cuestión de humanidade”.-
Este cidadán palestino afirmou que “non hai desculpa” para non asistir a esta manifestación e tamén valorou o plan para Gaza presentado esta segunda feira por Donald Trump. “Un plan, que se chama de paz, e que non nos dá aos palestinos nin o dereito a gobernarnos a nós propios. Necesitamos un xubilado inglés e un tolo da Casa Branca para facelo”, criticou.
Foro na Toxa
O día previo á manifestación, o sábado día 4, a Coordinadora convoca na Toxa (O Grove, O Salnés) unha mobilización para rexeitar a presenza no Foro ‘La Toja’ do ex primeiro ministro israelí Ehud Olmert. “Co seu Goberno Gaza padeceu a operación ‘Chumbo fundido’, 22 días seguidos de bombardeos”, denuncian.


