"En que mundo viven?": condena no sector do mar ás críticas da Federación de Confrarías á manifestación do domingo

Manifestación en Santiago contra a xestión da vertedura de pellets. (Foto: Arxina)

Confrarías e agrupacións convocantes da mobilización lamentan o posicionamento da Federación Galega de Confrarías. "Nunca fixeron nada e agora por riba critican", afirman.

O domingo miles de persoas marcharon pola capital galega —convocadas por 120 asociacións e colectivos do sector do mar, sociais e ecoloxistas— “en defensa do noso mar”. Reclamábase, a raíz da crise dos pellets, un maior compromiso e implicación das Administracións para solucionar un problema nas rías galegas que se traduce nunha alarmante perda de produtividade coas súas consecuencias no emprego, medio ambiente, economía... A terza feira, a Federación Galega de Confrarías (FGC) comparecía para acusar as entidades convocantes de “causar dano ao sector” e denunciou o que consideran un "uso partidista" dunha problemática pesqueira.

O posicionamento da Federación non sentou ben entre sectores do mar. “A Federación non está a representarnos”, afirma a Nós Diario Santiago Cruz, patrón maior da Confraría de Noia, ría que é das máis afectadas pola perda de produtividade marisqueira. “Ten [a Federación] a obriga de defendernos e non o fai. Onde estiveron todos estes anos mentres morría o marisco e as rías continúan a soportar verteduras de todo tipo?”.

Miguel Iglesias, patrón maior de Rianxo, explica que estivo na manifestación para defender os intereses dos máis de medio milleiro de socios desta Confraría. “Hai motivos de sobra para manifestarse”, di a Nós Diario, “e ten que ser a Federación a que explique porqué non foi. Coa que nos está a caer ao sector do mar, deberían estar todos eles alí”.

"Hai patróns que che contan que lles chega xente chorando da desesperación, de estes meses non ingresar nada [pola mortandade e escaseza de marisco] e que as axudas non dan chegado e as que prometen son poucas: 500 euros por persoa? A que chega iso", explica. 

Insta a FGC a, “xa que esta non lle gustou e di que está politizada”, a convocar ela unha mobilización para denunciar a situación nas rías e exixir solucións. “Que poñan data e hora”, apunta, “que alí estaremos”. Pero, como sinala Santiago Cruz, “nunca convocaron nada, nin a raíz da mina de San Finx, nin coa de Touro, nin coas veterduras de todo tipo que hai...”.

Dolores Gómez, de Mulleres Salgadas -con 1.500 mulleres do sector do mar asociadas, de mariscadoras a bateeiras- tamén indica que, en vista da situación do mar na Galiza nos últimos anos, a Federación “debería de ter convocado algo xa hai tempo”. “O sector do mar leva tempo preocupado polo que está a pasar, polo declive que hain as rías e ninguén fixo nada”, lamenta en conversa con este medio.

Dez anos

Para o patrón maior de Noia, “se non hai un cambio de rumbo” na política ambiental e sectorial das rías, “a estas quédanlle dez anos”. Dolores Ordóñez reclama actuacións que permitan que ”as mulleres poidamos vivir dignamente dos nosos traballos no mar”.

Iglesias indica que na manifestación do domingo tamén había asociados de confrarías cuxos patróns maiores sairon esta terza feira a criticar a mobilización. “É preocupante que non queiran denunciar o que está a pasar”. Para Ordóñez a manifestación era “moi necesaria” e para Cruz a mobilización chega precisamente porque a Federación “non tomou a iniciativa” para “defender” os sectores produtivos ligados ao mar.