Que importancia ten a formación medioambiental para evitar as vagas de incendios na Galiza?

Un hidroavión colabora nos labores de extinción dun incendio en Boiro. (Foto: Arxina)
Un instituto de Rianxo reivindica o papel da educación á hora de "manter o monte vivo" e libre do lume.

A vaga de incendios que está a afectar a Galiza desde o pasado mes de xullo constata que non se están a desenvolver de maneira correcta os dispositivos de prevención de lumes deseñados pola Xunta.

Neste sentido, o instituto IES Félix Muriel, do concello de Rianxo, vén de recuperar un proxecto educativo, lanzado en 2019, para pór de manifesto a "necesidade" da "formación medioambiental" á hora de avanzar nas políticas de prevención das lapas.

"A xente nova debe aprender a manter o monte vivo para poder recibir o testemuño de mans dos seus maiores que xestionan as comunidades de montes", explican desde o instituto nunha nota de prensa.

Un dos docentes do centro estudantil, Rafael Saco, puxo en marcha este proxecto interdisciplinar, "baseado na aprendizaxe como servizo á comunidade", para dar visibilidade á importancia de levar a cabo estratexias de prevención durante todo o ano.

Documental

Como parte da iniciativa, un grupo de alumnas e alumnos que cursaban 4º da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) no ano escolar 2020-21 participaron na realización dun documental sobre as vagas de incendios que afectan cada ano a Galiza, e en concreto a zona de Rianxo.

Esta peza audiovisual, guiada polo produtor Marcos Gallego, céntrase no nacemento do proxecto impulsado polo docente Rafael Saco, ademais de falar con persoas implicadas nos distintos ámbitos do sector forestal para que propuxesen solucións á problemática do lume.

A curtametraxe, nomeada Monte Vivo, está dispoñíbel na plataforma Vimeo. Entre outras distincións, foi premiada no FICBueu 2021 e recibiu o Galardón do Ateneo Cineduca 2022.

O documental tamén recolle as propostas das persoas entrevistadas, que van desde responsábeis de comunidades de montes até ecoloxistas, para dar un uso diferente ao monte galego que permita manter viva a contorna rural do país.